HomeA CoruñaSandra Insua traslada a Nadia Calviño a preocupación do sector pesqueiro de...

Sandra Insua traslada a Nadia Calviño a preocupación do sector pesqueiro de Camariñas ante a peligrosidade da nova normativa europea

- Anuncio -spot_img

● A alcaldesa contactou directamente coa presidenta do Banco Europeo de Inversiones para alertar de que medidas como o preaviso de 4 horas ou a pesaxe a bordo poñen en risco a vida dos mariñeiros na Costa da Morte.

● Insua participou hoxe na concentración convocada na Coruña.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deu un paso máis na defensa da flota artesanal do municipio contactando directamente con Nadia Calviño, actual presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), para trasladarlle a inquedanza e o malestar da “xente do mar” ante as novas esixencias de control pesqueiro impostas dende Bruxelas.

Nunha comunicación directa, a rexedora quixo expoñer a Calviño a realidade específica da Costa da Morte, onde a aplicación estrita da nova normativa comunitaria non só supón unha traba burocrática, senón un risco real para a seguridade física das tripulacións.

Na súa mensaxe, Insua detallou dous dos puntos máis críticos para a flota local. En primeiro lugar, a obriga de avisar da chegada a porto con catro horas de antelación. A alcaldesa explicou a Calviño que esta medida é inviable para barcos pequenos que faenan nunha zona con condicións meteorolóxicas tan cambiantes e adversas como a Costa da Morte: “Sabes como é o mar aquí, isto pon en risco a vida das persoas”, subliñou.

Así mesmo, a alcaldesa protestou contra a obriga de realizar a pesaxe das capturas dentro do barco. Insua argumentou que, durante o inverno, cando o mar é durísimo e se traballa aproveitando as “baixas do mar”, ter que deterse a pesar todo a bordo atrasa a volta a porto e expón aos mariñeiros a un perigo innecesario.

A pesar de que as competencias directas de pesca non recaen no BEI, Sandra Insua apelou ao coñecemento da situación que posúe a exvicepresidenta do Goberno español para que actuase de enlace. A resposta de Nadia Calviño non se fixo esperar. A presidenta do BEI agradeceu á alcaldesa que lle transmitise “un tema tan importante” e amosou a súa disposición a interceder.

Esta xestión súmase ao apoio institucional que o Concello de Camariñas está a brindar ás confrarías e armadores locais, que esta semana se mobilizaron en Madrid para esixir unha adaptación da normativa á realidade da pesca artesanal galega.

Sandra Insua, xunto ás concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes, tamén acompañaron hoxe aos mariñeiros e armadores de Camariñas na concentración convocada na cidade da Coruña.

Publicacións Relacionadas