HomeA CoruñaO Concello de Santiago solidarízase coas persoas afectadas polo accidente ferroviario en...

O Concello de Santiago solidarízase coas persoas afectadas polo accidente ferroviario en Adamuz

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa traslada “todo o ánimo” en nome da Corporación Municipal e da veciñanza compostelá e transmite tamén o seu afecto a “todas as persoas hoxe están a revivir o acontencido en Angrois”.

A Praza do Obradoiro acolleu no mediodía deste luns un minuto de silencio convocado polo Concello de Santiago en solidariedade coas persoas afectadas polo accidente ferroviario mortal rexistrado o domingo na localidade cordobesa de Adamuz.

En declaracións aos medios, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, afirmou que “Santiago de Compostela non podía ficar á marxe desta mostra de solidariedade” xa que é “un lugar especialmente solidario e sensible, tendo en conta que aquí se produciu ese accidente terrorífico de Angrois”.

A rexedora trasladou en nome da Corporación Municipal e do conxunto da veciñanza de Santiago “todo o ánimo, solidariedade e fortaleza” ás persoas afectadas polo accidente en Adamuz, co desexo de que o número de vítimas non se incremente máis e que as persoas feridas poidan restablecerse rápido.

Goretti Sanmartín lamentou a gravidade desta catástrofe, un accidente ferroviario que é o segundo en importancia despois do producido de Angrois o 24 de xullo de 2013. “As miñas palabras hoxe tamén teñen que ser de unha aperta e un ánimo moi grande para todas as persoas que está revivindo o acontencido en Angrois”, engadiu, en referencia ás “pegadas enormes” que un accidente deste calado deixa de veciñanza. “Unha veciñanza que como vimos onte en Córdoba tamén estivo á altura, que foi solidaria e que quixo estar apoiando e estar desde o primeiro momento, axudando a todas as persoas afectadas”, salientou.

A alcaldesa indicou tamén que “haberá tempo” de abordar as causas do sinistro, pero puxo por diante que “este é o momento de estar coas vítimas, estar coas persoas familiares, estar coas afectadas, trasladarlles todo o noso ánimo desde Santiago, desde a capital de Galicia, que tanto sabe e tanto sufriu un accidente ferroviario como foi o de Angrois”.

“Moitísima forza a toda Córdoba e un abrazo moi solidario e moi forte desde Santiago de Compostela. E ese abrazo moi forte e esa solidariedade a todas as persoas que estiveron nese accidente de Angrois e que hoxe estarán conmovidas por este accidente ferroviario”, concluíu.

No minuto de silencio convocado polo Concello participaron os membros da Corporación Municipal, aos que se sumaron outros representantes institucionais, coma o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e veciños.

Publicacións Relacionadas