O Concello celebrou o Día dos Usuarios e Usuarias das Bibliotecas recoñecendo ás persoas con máis préstamos nestes meses e poñendo en valor a lectura como punto de encontro interxeracional
Os libros tamén deixan pegada e, en Tomiño, esa pegada mídese en centos de historias compartidas. Con motivo do Día dos Usuarios e Usuarias das bibliotecas, o Concello quixo recoñecer a fidelidade lectora dos seus veciños e veciñas premiando ás persoas socias máis activas cun pequeno agasallo simbólico cargado de significado.
Os 15 usuarios e usuarias que acumulan o maior número de exemplares levados en préstamo, un total de 589 libros en conxunto, recibiron unha bolsa coas imaxes identificativas do Espazo Isaura Gómez, pensada para facilitar o transporte das súas futuras lecturas e seguir sumando historias a esta cifra tan destacada.
Entre eles, destaca Xoel González, de tan só 9 anos, que se converteu no socio con máis libros retirados ata o momento, cun total de 109 préstamos. Ségueno Herón Vicente (6 anos) con 53 libros; María Mercedes Tasende (68 anos) con 52; Zoe González (6 anos) con 41; e Lía Domínguez (8 anos), Viviana Martínez (46), Albino Prada (70) e Alma González (8 anos), con 36 libros cada un. Uns datos que amosan que o amor pola lectura non entende de idades e que a cultura é un fío común entre xeracións.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estes números reflicten unha vila lectora, curiosa e comprometida coa cultura, na que a biblioteca é moito máis ca un servizo: é un espazo de encontro, aprendizaxe e convivencia interxeracional”. A rexedora puxo tamén en valor o papel do propio Espazo Isaura Gómez como “un lugar vivo, no que a lectura une a nenos, mozos e maiores arredor dos libros e do coñecemento compartido”.
Desde o Concello animan a toda a veciñanza a sumarse a esta celebración. As persoas que queiran formar parte deste recoñecemento e facerse cunha destas bolsas poden solicitala realizando préstamos ao longo desta semana, continuando así coa conmemoración dun día no que, como lembra o Concello, as persoas usuarias son as auténticas protagonistas.



