-A delegada da Xunta participou no acto de clausura dos proxectos de activismo medioambiental mariño Labmar e Cabalga, organizados pola Asociación Amicos
-A representante do Goberno autonómico destacou que estas dúas iniciativas son un exemplo claro de como a colaboración entre administracións públicas, entidades sociais, sector científico e sector pesqueiro permite avanzar nunha protección efectiva do medio mariño desde unha perspectiva sostible, innovadora e inclusiva
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, puxo hoxe en valor a colaboración constante e exemplar que a Xunta de Galicia mantén coa Asociación Amicos, unha entidade social “sempre disposta a sumar, incansable á hora de presentar proxectos e iniciativas e un claro exemplo do éxito que se pode acadar cando o tecido social e as administracións públicas traballan da man”. Neste sentido a delegada lembrou que Amicos mantén liñas de colaboración coa Consellería do Mar para a posta en marcha varias iniciativas, unha das máis recentes, a restauración da biodiversidade mariña da ría de Arousa a través do proxecto Arousa-Lab
Belén do Campo subliñou que esta cooperación transversal permite poñer en marcha iniciativas de grande impacto social, ambiental e territorial, e agradeceu expresamente o traballo desenvolvido pola Asociación Amicos e polo conxunto das entidades colaboradoras. Neste senso, tendeulles a man para seguir colaborando no futuro e reiterou que “a Xunta de Galicia sempre estará ao seu carón para apoiar proxectos que contribúan a construír unha Galicia máis sostible, inclusiva e comprometida co seu medio natural”.
A delegada da Xunta fixo estas declaracións no acto de clausura dos proxectos de activismo medioambiental mariño Labmar e Cabalga, un encontro organizado pola Asociación Amicos que serviu como espazo de recoñecemento ao apoio, á implicación e ao labor desenvolvido polas distintas persoas e organizacións participantes no coidado e na defensa do medio mariño: No acto tamén se puxo en valor as aprendizaxes compartidas e a importancia de seguir reforzando alianzas para futuras accións de protección ambiental.
Durante a súa intervención, Belén do Campo salientou que “os proxectos Labmar e Cabalga son un exemplo claro de como a colaboración entre administracións públicas, entidades sociais, sector científico e sector pesqueiro permite avanzar nunha protección efectiva do medio mariño desde unha perspectiva sostible, innovadora e inclusiva”.
Proxecto Labmar
En relación co proxecto Labmar, a delegada explicou que se tratou dun laboratorio participativo para a prevención e valorización do lixo mariño, cuxo obxectivo xeral foi reducir os residuos no mar e contribuír a unha economía circular e azul. O proxecto desenvolveu accións de formación, sensibilización, recollida e valorización de residuos, contando coa participación activa do sector pesqueiro e marisqueiro.
Labmar estivo promovido pola Asociación Amicos no marco do Programa Pleamar. As actuacións abrangueron diferentes espazos mariños de Galicia e Andalucía, entre eles, na comunidade galega, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o Parque Natural de Corrubedo, o Complexo Intermareal do Grove.
A representante do Goberno autonómico agradeceu especialmente as confrarías, asociaciones de redeiras e ás mariscadoras que colaboraron activamente con esta iniciativa e sen a cales non serían posibles os excelentes resultados que se obtiveron.
Entre as accións máis salientables, Belén do Campo destacou a recollida, clasificación e reciclaxe de lixo mariño no mar, na costa e nas desembocaduras fluviais; o desenvolvemento de estudos e estratexias para a creación de novos produtos a partir de materiais reciclados; a posta en marcha dunha escola inclusiva de formación e innovación; e múltiples actividades de sensibilización dirixidas ao conxunto da comunidade.
Os resultados deste proxecto nas dúas comunidades autónomas, falan por si mesmos: 21 centros educativos participantes con 573 rapaces, 1.418 quilos de basura recollida, 7.696 embases de plásticos reciclados e 4.448 materiais reciclados non plásticos.
Neste contexto, a delegada puxo en valor a implicación do sector produtivo, afirmando que “a participación do sector pesqueiro e marisqueiro é clave para garantir o éxito das políticas de conservación mariña, xa que son quen mellor coñecen o medio e quen conviven a diario coa realidade do mar”.
Proxecto Cabalga
No que respecta ao proxecto Cabalga, Belén do Campo explicou que consistiu na posta en marcha de medidas innovadoras e inclusivas para a recuperación e conservación de comunidades bentónicas. A iniciativa estivo liderada polo Instituto de Ciencias do Mar do CSIC e contou coa Asociación Amicos como entidade social.
Cabalga estivo financiado a través do Programa Pleamar. Desenvolvido entre 2024 e 2025, o proxecto tivo como finalidade restaurar ecosistemas mariños afectados pola pesca artesanal, especialmente comunidades dominadas por gorgonias e laminarias no Atlántico galego.
A delegada destacou que esta iniciativa promove a cooperación entre o sector científico, o sector pesqueiro e o ámbito social aos que agradeceu a súa colaboración. As actuacións de restauración en Galicia levaronse a cabo en 2025 coas entidades colaboradoras da confraría de pescadores de Aguiño, do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e da Consellería do Mar.
O proxecto contemplou a plantación de 200 gorgonias e 300 semillas de laminarias no eixo atlántico galego en concreto na área mariña do parque nacional.
Belén do Campo salientou tamén o forte compoñente social de Cabalga, liderado pola Asociación Amicos, que promove a inclusión e participación real das persoas con discapacidade intelectual en todas as fases do proxecto. Estas persoas participan activamente nas tarefas de restauración dos ecosistemas mariños, promovendo valores de conservación e sustentabilidade e contribuíndo a visibilizar as súas capacidades.
Finalmente, a delegada da Xunta reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa sustentabilidade ambiental e coa colaboración co tecido social, asegurando que “o Goberno galego continuará apoiando iniciativas que reforcen a conservación dos ecosistemas mariños e que promovan a participación social, porque a defensa do medio natural é unha responsabilidade compartida e un compromiso coas xeracións futuras”.



