HomePontevedraO SalnésO BNG propón que o futuro Centro Social de Vilalonga leve o...

O BNG propón que o futuro Centro Social de Vilalonga leve o nome de Celso Bugallo Aguiar

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas presentarán unha moción no Pleno ordinario de xaneiro para promover esta homenaxe, a título póstumo, a un dos grandes referentes da cultura e do audiovisual do país, que sempre mantivo unha forte conexión coa súa parroquia natal

Natural de Lagarei, Bugallo nunca perdeu o seu vínculo con Vilalonga, de aí que o Bloque considere que esta iniciativa sería a maneira axeitada de “perpetuar o seu gran legado, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo propón que o futuro centro social de Vilalonga, actualmente en construción, pase a levar o nome do actor Celso Bugallo Aguiar, nado nesta parroquia en 1947 e cuxo pasamento tivo lugar o pasado 20 de decembro de 2025. Os nacionalisitas presentarán no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o luns 26 de xaneiro, unha moción con esta petición, de xeito que se poida perpetuar o legado dun dos actores máis importantes e prolíficos do país e un dos mellores embaixadores que tivo o noso concello.

O concelleiro Octavio González entende que esta homenaxe a título póstumo debe servir como recoñecemento a un artista que, maila debutar na gran pantalla aos 52 anos, completou unha gran carreira profesional, desde a súa estrea no filme A lingua das bolboretas, de José Luís Cuerda. En 2005, Celso Bugallo recibiu o Premio Goya como mellor actor secundario pola súa interpretación en Mar adentro, de Alejandro Amenábar. “Pero, máis alá destes importantes logros, Celso Bugallo sempre mantivo unha forte conexión con Vilalonga”, recordou o edil nacionalista. Natural do lugar de Lagarei, e maila que residiu durante boa parte da súa vida en Pontevedra, Bugallo sempre amosou un gran orgullo pola súa orixe. Proba deste vínculo é a implicación que tivo en diferentes iniciativas, como as charlas que levou a cabo no IES, así como as súas visitas habituais a Sanxenxo. “O seu pasamento foi unha perda moi importante, pero tamén pode ser unha boa oportunidade para perpetuar o seu recordo e o seu legado”, indicou Octavio González, que entende que o futuro Centro Social de Vilalonga, que actualmente se está a poñer a punto no que foi o antigo colexio O Cruceiro, é o lugar axeitado para que leve o nome deste polifacético artista, que, ademais de no cine, tamén desempeñou un importante labor no teatro.

A moción que defenderá o BNG no Pleno ordinario incluirá tamén unha proposta para que cando se leve a cabo acto de inauguración do Centro Social se organice un evento simbólico, como a organización dunha exposición ou a proxección da traxectoria profesional de Celso Bugallo, “de xeito que o Concello poida promover o seu legado, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores da parroquia”, aseverou González. Os nacionalistas confían en que a moción conte co apoio do resto dos grupos da Corporación local, habida conta de que “servirá para poder ofrecer unha homenaxe póstuma á altura da importancia da figura de Bugallo e do amor que sempre profesou pola súa terra”.

Publicacións Relacionadas