En total as bandas de música xunto ás súas escolas reciben 40.000€ de apoio municipal
O Concello de Ponteareas asinou por terceiro ano consecutivo o convenio de colaboración coas tres bandas de música do municipio, reafirmando así o seu compromiso coa cultura e co fortalecemento das señas de identidade locais. O goberno municipal aposta unha vez máis polo apoio ao tecido cultural e polo impulso dunha das expresións culturais máis representativas da vila: a música.
Deste xeito, o Concello asinou os convenios coa Banda de Música Reveriano Soutullo, coa Banda de Música de Xinzo e coa Banda de Música Unión de Guláns. A través deste acordo, o Concello achegará ás tres formacións un total de 24.000 euros, permitindo o desenvolvemento da súa actividade musical ao longo do ano.
No marco deste convenio, cada unha das bandas ofrecerá catro concertos, achegando a música á veciñanza e dinamizando a vida cultural do municipio. As bandas de música estarán presentes nas principais celebracións de Ponteareas e tamén ofrecerán outros concertos e actividades.
Apoio ás escolas
Desde o goberno local destácase a importancia de apoiar de maneira decidida a actividade do tecido cultural de Ponteareas, así como o papel fundamental que desempeñan as escolas de música vinculadas ás bandas que tamén reciben o apoio do Concello, un total de 8.000€ para a escola de música da Banda de Xinzo e 8.000€ para a escola de música da Banda Unión de Guláns, auténticos viveiros de talento e espazos de formación musical para a mocidade. En total as bandas de música xunto ás súas escolas reciben 40.000€ de apoio municipal.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Glez Carrera, salientou que este apoio ás bandas complétase con outras iniciativas impulsadas polo goberno municipal, como o exitoso ciclo musical “O Son do Tea”, que durante os meses de verán posibilita a celebración de concertos cada fin de semana nos Xardíns da Xiralda. Unha iniciativa que conta sempre cun numeroso público e que se consolidou como unha cita cultural de referencia. Dentro deste ciclo ofrecéronse 9 concertos, que contribúen a visibilizar e poñer en valor o talento local.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro explicou que un dos obxectivos prioritarios do goberno municipal é promover o coñecemento e a posta en valor dos valores e das señas de identidade de Ponteareas, entre as que destaca a música e os grandes músicos ponteareáns que levan o nome da vila por escenarios e certames de todo o mundo. A alcaldesa subliñou tamén a importante labor que desenvolven as escolas de música e o Conservatorio Municipal de Música, pezas clave na formación musical e na continuidade da tradición musical ponteareá.



