HomeXunta de GaliciaA Xunta salienta o premio literario San Clemente como unha ferramenta de...

A Xunta salienta o premio literario San Clemente como unha ferramenta de impulso da lectura entre o alumnado

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Centros e Recursos Humanos e o secretario xeral da Lingua asisten á entrega destes galardóns impulsados polo Instituto Rosalía de Castro
  • Felicitan aos premiados nesta 29ª edición: Ledicia Costas, David Uclés e Lidia Jorge

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participaron hoxe na entrega de galardóns da XXIX edición do Premio Literario San Clemente, promovido polo Instituto Rosalía de Castro.

No acto, os representantes da Xunta de Galicia felicitaron aos galardoados e tamén ao alumnado de Bacharelato pola súa implicación na elección das obras distinguidas. Tamén puxeron en valor este recoñecemento como un exemplo de participación xuvenil e de promoción da lectura entre a mocidade desde as aulas.

As obras gañadoras nesta edición, que recoñece tres modalidades (galego, castelán e lingua estranxeira), son: Pel de cordeiro, de Ledicia Costas, na categoría de galego; La península de las casas vacías, de David Uclés, en castelán, e finalmente, en lingua estranxeira, Misericordia, de Lidia Jorge.

Nesta XXIX edición, os premios son fallados polos estudantes dos institutos Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Antón Losada Diéguez da Estrada, 12 de Outubro de Ourense, Isaac Díaz Pardo de Sada, Sanxillao de Lugo, Antonio Fraguas de Santiago de Compostela e Ramiro de Maeztu de Madrid, así como tres centros internacionais: o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e o Hockerill Anglo European College do Reino Unido.

Nesta liña, os representantes do Goberno galego afirmaron que esta participación dos centros fan destes galardóns “uns premios especiais ao mostrar que temos unha mocidade lectora que goza coa literatura”, e fixeron fincapé tamén no “gran nivel” dos autores seleccionados.

Publicacións Relacionadas