O Grupo Municipal Socialista preguntará no Pleno de xaneiro polo atraso dunha obra comprometida para o verán de 2025 e que continúa sen executarse pese ás filtracións de auga que sofre o centro
O Grupo Municipal Socialista volveu denunciar hoxe a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento, unha infraestrutura educativa que presenta filtracións de auga e que require unha intervención urxente.
“Desde o Grupo Municipal Socialista queremos denunciar a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento, para solucionar as filtracións de auga nun centro educativo fundamental para Santiago”, afirmou a concelleira socialista Marta Abal.
A edil lembrou que no pleno municipal celebrado en xullo de 2024 se aprobou unha moción presentada polo Partido Socialista para arranxar esta infraestrutura, e que nese debate o propio goberno recoñeceu a gravidade da situación.
“No pleno de xullo de 2024 aprobouse unha moción para arranxar esta infraestrutura. Nese momento, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, recoñeceu a urxencia da obra, anunciou unha partida de 176.000 euros e comprometeu a súa execución para o verán de 2025. A día de hoxe, ese compromiso está sen cumprir”, subliñou Abal.
Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista levará novamente ao Pleno unha pregunta dirixida ao executivo local para coñecer cando pensa cumprir coa actuación comprometida.
“Polo que nos preguntamos novamente: cando ten previsto o goberno municipal acometer, dunha vez, a reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento?”, concluíu a concelleira.



