HomeA CoruñaA CoruñaO Concello comproba os avances das obras do novo centro de ADACECO...

O Concello comproba os avances das obras do novo centro de ADACECO en Eirís

- Anuncio -spot_img

O proxecto, impulsado por ADACECO coa colaboración institucional e social, conta xa con máis dun millón de euros recadados por traballadores e traballadoras de Inditex

Inés Rey: “Esta obra é un esforzo colectivo que mellorará a vida de moitas persoas e das súas familias”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe Eirís para comprobar o avance das obras do novo centro de ADACECO, unha infraestrutura que permitirá reforzar a atención ás persoas que conviven co dano cerebral adquirido e acompañar as súas familias con servizos especializados.

Durante a visita, Rey puxo en valor o impacto social do futuro equipamento, que contará con espazos accesibles e dignos e concentrará nun único punto recursos de rehabilitación, apoio psicolóxico e atención especializada que hoxe a entidade presta de forma distribuída.
“A Coruña é unha cidade que non deixa a ninguén atrás: garantir dereitos e coidar de quen máis o precisa tamén é facer cidade”, salientou a rexedora.

O Concello facilitou a disposición do solo municipal para facer posible este proxecto, que continúa avanzando con previsión de que o centro poida estar rematado ao longo de 2026.
A alcaldesa, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que a nova infraestrutura “é moito máis ca unha obra”, ao ser o resultado dun traballo compartido entre a entidade, as administracións e a cidadanía.

Entre os apoios mobilizados, Rey recoñeceu o compromiso social do persoal de Inditex, que recadou máis dun millón de euros para contribuír ao financiamento do proxecto. “É unha mostra de solidariedade que di moito do que somos como cidade”, apuntou.

A intervención enmárcase nun contexto no que, segundo as estimacións trasladadas, máis de 1.000 persoas ao ano sofren dano cerebral adquirido na área sanitaria da Coruña, o que fai imprescindible dispoñer de recursos de proximidade e calidade. A nivel estatal, o INE estima que en España viven máis de 430.000 persoas con dano cerebral adquirido.

O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de colaboración co terceiro sector e coas entidades que sosteñen, día a día, unha parte esencial da rede de coidados e apoio comunitario na Coruña.

Publicacións Relacionadas