HomePontevedraBaixo MiñoTres novos Cafés en Igualdade para seguir revolucionando mentes no Rosal

Tres novos Cafés en Igualdade para seguir revolucionando mentes no Rosal

- Anuncio -spot_img

O vindeiro 29 de xaneiro comeza un novo ciclo para reflexionar sobre identidade e saúde dende unha perspectiva feminista

Os grandes cambios sociais tamén nacen das pequenas conversas cotiás. Con esa filosofía, o Concello do Rosal comeza o ano cunha nova edición dos Cafés en Igualdade, un ciclo xa consolidado que volve percorrer as parroquias para xerar espazos de encontro, reflexión e pensamento crítico arredor de cuestións de actualidade que afectan directamente á vida das persoas.
Trátase de encontros mensuais, abertos e de balde, que buscan achegarse ás realidades que vive a veciñanza desde diferentes perspectivas, promovendo unha reflexión compartida e accesible. A iniciativa está financiada polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, e combina educación, participación cidadá e compromiso social como piares fundamentais.
Nesta primeira parte do ano desenvolveranse tres sesións en distintos locais do municipio. A primeira terá lugar o xoves 27 de xaneiro ás 17.30 horas no Bar O Floro, en Marzán, baixo o título “Reencontro coa túa nena interior”, unha proposta para revisar a nosa historia persoal e facer as paces con nós mesmas da man de Rosalía Campos, psicóloga de Adamia Psicología.
O ciclo continuará o xoves 26 de febreiro coa charla “A beleza é ser diferente. A miña particular forma de ser muller”, impartida por Ana Pérez Cardoso, sexóloga especialista en Educación, Xénero e Igualdade, que se celebrará na Cafetería Juan. O primeiro trimestre pecharase o xoves 26 de marzo cun encontro no bar San Martiño de Martín centrado na saúde feminina baixo o título “Hormonas e saúde”, no que se abordará a endometriose, unha enfermidade aínda pouco visibilizada, coa intervención de Diana Ayude, matrona especialista en Obstetricia e Xinecoloxía.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “os Cafés en Igualdade son unha ferramenta fundamental para crear conciencia e abrir diálogos necesarios, desde o respecto e a escoita, sobre temas que forman parte da vida de moitas mulleres”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou que “este ciclo demostra que a igualdade tamén se constrúe en espazos próximos, cómodos e participativos, onde a veciñanza pode informarse, compartir experiencias e sentirse acompañada”.
Todas as charlas comezarán ás 17.30 horas, serán abertas a toda a veciñanza e pretenden seguir facendo dos Cafés en Igualdade un punto de encontro clave para continuar revolucionando mentes desde o local.

Publicacións Relacionadas