Traslada unha moción para “evitar que o Goberno de Abel Caballero hipoteque de novo a cidade cun servizo privatizado de transporte urbano insuficiente e deficiente”
Propón un modelo alternativo baixo xestión pública con máis frecuencias, mellores horarios, un novo mapa de liñas e con reducións no prezo do billete
¬ Moción de urxencia: O BNG esixe o cese da concelleira de Seguridade imputada polo accidente do Saltamontes e unha comisión de investigación (páx. 4)
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a suspensión da nova licitación do transporte urbano de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha moción ao Pleno, convocado para este vindeiro luns, na que demanda desistir do procedemento aberto polo Goberno de Caballero para a nova concesión privatizada co fin de “evitar unha hipoteca de 9 anos máis cun servizo de bus insuficiente e deficiente”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu este venres en rolda de prensa que “estamos a tempo de evitar que se dilapide a grande oportunidade” co remate da actual concesión de Vitrasa, baseada nun prego do ano 1994 que cualificou de “superado e incapaz de responder aos retos actuais de mobilidade”.
Porén, Igrexas tachou de “moi decepcionantes” as condicións fixadas polo Goberno municipal na nova licitación do transporte urbano. “Basicamente é máis do mesmo pero cun custo económico moito maior”, criticou. Os pregos do servizo manteñen o mesmo número de autobuses que a actual flota, unicamente sendo actualizados por vehículos novos; o mesmo cadro de persoal sen incrementos; e cun máximo de quilometraxe que continuará por debaixo do que se percorría antes da pandemia.
Caballero ignora as demandas veciñais
“Con estes pregos o propio Concello fai inviábel, e demostra que non ten vontade de mellorar o servizo de bus”, advertiu o portavoz municipal do BNG. Unhas condicións que, lamentou, ignoran as principais necesidades demandadas pola veciñanza de mellorar frecuencias, liñas e puntualidade, como evidenciou o estudo técnico encargado polo Concello, cun custo de case 400.000 euros, como base para a licitación.
Dende o Bloque alertaron tamén que se descoñecen as posíbeis modificacións do mapa de liñas, xa que o informe non inclúe unha nova modelización das rutas nin tampouco a actualización dos cálculos dos tempos de traxecto. “Unha mudanza longamente prometida polo actual Goberno local desde hai máis de 10 anos e unha demanda reiterada do movemento veciñal, diante dun deseño de liñas obsoleto, que todo apunta volverá a ser desatendida”, cuestionou Igrexas.
Malia a falla de melloras, o contrato vai incrementar “de forma moi significativa” os custos da prestación do servizo, e prevé tamén un aumento da subvención municipal e das tarifas, cando o prezo do billete en Vigo é xa o máis caro de todas as cidades galegas con e sen bonificacións. “Imos pagar máis polo mesmo servizo insuficiente e deficiente, pero con buses máis novos”, subliñou o portavoz municipal nacionalista.
Remunicipalización e melloras propostas polo BNG
Para o BNG o camiño para contar cun servizo de transporte urbano á altura da maior cidade de Galiza pasa pola remunicipalización do servizo de bus, a través dunha empresa pública municipal; unha medida que defenden tamén colectivos veciñais e sociais.
Igrexas sinalou que esta alternativa xa foi aplicada con éxito por outras urbes, incluso con menos recursos que Vigo, e permitiría mellorar o servizo, garantir a súa accesibilidade, reforzar a vertebración da cidade e avanzar cara a unha mobilidade menos dependente do vehículo privado. Lembrou que a reversión dos medios coa fin da concesión así como as condicións económico-financeiras do Concello fan “perfectamente viábel” este proceso.
Un novo modelo que, a xuízo do BNG, debe ter como principais eixos o deseño dun novo mapa de liñas que conecte mellor o conxunto de barrios e parroquias, o aumento de frecuencias (diurnas e nocturnas, de luns a domingo) e mellores horarios, así como incluír un liña CERO, que una dende o barrio de Teis até Navia, e que permita conectar co resto de liñas de bus. Aliás, propoñen ampliar o billete de transferencia coa posibilidade de realizar até dous transbordos gratuítos nun período de 60 minutos, mellorar a integración intermodal e reducir o prezo do billete, incluíndo a gratuidade permanente para menores de 15 anos, persoas desempregadas e en situación de vulnerabilidade social.
De cara a definir o futuro do bus, a fronte nacionalista demanda tamén na súa moción que se convoque de forma urxente o Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo para dar conta das conclusións do estudo técnico para debater e acordar “de maneira participativa” as condicións para o novo servizo de transporte urbano na cidade.
Recortes con Vitrasa
Dende o BNG consideran que a xestión privatizada do bus demostrouse nos últimos anos un “fracaso” diante do que consideran un “deterioro progresivo do servizo” con incumprimentos reiterados do contrato, unha caída evidente da calidade e unha conflitividade laboral constante ligada á precarización do persoal. “A falta de control efectivo por parte do Goberno municipal fronte a estas eivas evidencia de maneira incontestábel os límites dun modelo que non pon o interese público no centro”, afeou.
Entre estas deficiencias, Igrexas fixo fincapé no recorte de máis de 250 frecuencias diarias aplicadas despois da pandemia, a supresión de liñas necesarias como a C2, N2, N3 ou a de Persoas con Mobilidade Reducida) e a substitución das frecuencias fixas por un sistema variábel que “xera incerteza e dificulta a planificación dos desprazamentos, e que na práctica apenas serve de coartada para alargar os tempos de espera”.
O portavoz do Bloque manifestou que o resultado destes cambios foron “agardas interminábeis e autobuses que chegan de maneira amoreada ás paradas con longos períodos sen servizo”. Unha realidade que, denunciou, penaliza especialmente ás persoas que dependen do transporte público para ir traballar, estudar ou acceder a servizos básicos.
No mesmo sentido, a fronte nacionalista cuestionou o mal deseño do vixente mapa de liñas por “deixar mal comunicados” barrios e parroquias e dificultar o acceso a equipamentos estratéxicos como hospitais, centros educativos, o campus universitario ou os polígonos industriais. E tamén pola falla de coordinación con outros transportes como as estacións de tren e autobuses, o transporte marítimo ou aeroporto, e por unha cobertura nocturna “claramente insuficiente”.
¬Moción de urxencia: O BNG esixe o cese da concelleira de Seguridade imputada polo accidente do Saltamontes e unha comisión de investigación no Concello
O BNG vén de rexistar unha moción de urxencia ao Pleno despois da imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, en relación co accidente mortal do Saltamontes, o 3 agosto de 2024 nas festas de Matamá. Unha decisión xudicial que para a fronte nacionalista “verifica a existencia de indicios sólidos dunha eventual responsabilidade municipal” en relación a un control neglixente, que a propia Fiscalía asume ao sinalar a inexistencia tanto dun protocolo municipal de inspeccións como tamén a falla dunha instrución clara que ordenase o precinto da atracción, unha vez constatado que non reunía as debidas condicións de acordo á normativa para a súa autorización.
Igrexas tachou este feito de “gravísimo” por afectar de maneira directa a unha integrante do Goberno municipal, polo que “merece ser abordado polo máximo órgano do Concello”. O portavoz do Bloque en Vigo criticou ademais que 538 días despois do tráxico accidente non se deran aínda “explicacións suficientes nin se asumise ningunha responsabilidade”, malia as reiteradas solicitudes formuladas pola oposición.
Por estes motivos, a fronte nacionalista reclama na moción de urxencia o “cesamento inmediato” da concelleira de Seguridade e a creación dunha Comisión Especial de Investigación que permita esclarecer as circunstancias do accidente, determinar as responsabilidades políticas e administrativas e analizar o funcionamento dos servizos municipais implicados propoñendo, en detalle, medidas correctoras.
O Bloque demanda a ese respecto a elaboración urxente dun protocolo municipal de inspección, control e autorización de atraccións de feira e instalacións similares, con procedementos claros de actuación, criterios técnicos obxectivos e mecanismos efectivos de control e precinto. Aliás, pide dotar aos servizos municipais da área de Seguridade do Concello dos medios humanos e materiais necesarios.
“A veciñanza de Vigo ten dereito a coñecer toda a verdade do acontecido, a que se depuren todas as responsabilidades que correspondan e tamén a que se adopten as medidas necesarias para garantir que un suceso destas características non poida volver repetirse”, remachou Igrexas.



