Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión de licenza a Resonac para que a empresa poda iniciar o desmantelamento das antigas instalacións de Alu Ibérica no parque industrial de Agrela
O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de ordenación das concesións municipais, que agora dá un paso máis coa declaración de caducidade da concesión administrativa que se adxudicou a inicios dos anos noventa á empresa Aparcamientos REO, que ostenta a xestión de catro aparcadoiros municipais: María Pita, Mestre Mateo, San Cristovo e praza de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que a Xunta de Goberno Local deu luz verde a esta medida tras constatarse incumprimentos graves e continuados no tempo na explotación dos ditos aparcadoiros.
En base aos informes municipais, REO incumpriu obrigas esenciais na xestión destes catro aparcadoiros. Así o reflicten, ademais, as alegacións presentadas pola empresa, sinalando, por exemplo, que foron as comunidades de cesionarios as que viñeron aboando o canon desde hai vinte anos, tamén realizando as reparacións esixidas polo Concello.
Rey apuntou que “constan escritos xa desde hai anos, con queixas emitidas polas propias comunidades de usuarios. Un caso concreto: a comunidade de usuarios do aparcadoiro de María Pita remitiu queixas no 2014 e o 2016 solicitando a caducidade da concesión polos incumprimentos de REO”, que nos anos noventa obtivo estes catro aparcadoiros en réxime de concesión ata finais do 2036.
“Se no pasado houbo gobernos municipais que non actuaron como entendemos que era preciso facer, a nosa postura con isto é firme: esixir ás concesionarias que cumpran cos contratos formalizados. Se non o fan, faremos uso de todas as ferramentas xurídicas que estean na nosa man para revertir a situación e recuperar as concesións”, dixo a rexedora.
A aprobación en Xunta de Goberno da declaración de caducidade da concesión aparella, en paralelo, a solicitude do ditame preceptivo ao Consello Consultivo de Galicia. A intención do Goberno municipal é poder licitar de novo o antes posible ditas concesións. Licenza a Resonac para o desmantelamento das instalacións de Alu Ibérica Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a concesión da licenza necesaria para que a empresa Resonac iniciar os traballos de desmantelamento das antigas instalacións de Alu Ibérica no parque industrial de Agrela.
O obxectivo de Resonac é incrementar a súa actividade de produción de grafito para baterías eléctricas e tamén a posta en marcha dunha planta de produción de hidróxeno. Para iso, será preciso actuar previamente sobre as antigas naves, cubertas e áreas de fundición, entre outras estruturas. En base aos informes municipais, o investimento previsto pola empresa no conxunto das actuacións é de 5,5 millóns de euros, cun prazo de execución de 36 meses.
“Entendemos que o proxecto de Resonac na Coruña é fundamental para fixar emprego de calidade na cidade cunha perspectiva de futuro, tamén para reforzar a actividade industrial no polígono”, indicou Inés Rey.
Luz verde aos permisos para rehabilitar a envolvente da Escola de Náutica
Ademais, esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licenza necesaria para rehabilitar a envolvente da Escola Técnica de Náutica e Máquinas. O permiso tamén habilita a realizar melloras de accesibilidade no edificio principal da Escola.
Por outra banda, tamén se concedeu licenza para a demolición dun inmoble no nº 52 da peatonal da Gaiteira. Á vez, facilitáronse os permisos para a construción dun novo edificio residencial sobre o soar existente, toda vez remate a demolición previa.
Normalización de predios a carón da avenida de Monelos
Tamén a través da área municipal de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local aprobou a normalización de fincas proposta por un particular no conxunto de parcelas existentes entre a avenida de Monelos, o parque de Oza e as rúas Juan Neira e Corrales, onde hai superficie edificable. Das 12 parcelas que integran o ámbito, nove son propiedade dunha mesma persoa, que conta cunha ampla porcentaxe da superficie no ámbito e foi a que presentou a solicitude para valorar o aproveitamento dos predios.
Agora, este particular terá que presentar un proxecto conforme á Lei do Solo, tal e como marca a normativa.
Primeiro marco normativo do Consello Local da Infancia
Ademais, tamén este venres, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto do primeiro regulamento do Consello Local da Infancia e da Adolescencia (CLIAC).
“O CLIAC creouse como un espazo específico para fomentar a participación activa das e dos coruñeses menores de idade no marco das políticas públicas do Goberno local. É, en esencia, un órgano participativo que contribúe á posta en valor das achegas da mocidade para mellorar a nosa cidade, facendo que as novas xeracións sexan partícipes dos cambios que haxa no futuro. Hoxe, reforzamos este dereito coa aprobación dun novo marco de organización e funcionamento do CLIAC, que articula o funcionamento deste consello de participación, valorando o traballo realizado ata agora”, explicou a alcaldesa.
Neste sentido, este mes retomaranse os encontros coas nenas e nenos. Está previsto que manteñan os seus grupos de traballo os días 28 e 30 de xaneiro.



