— A carteleira municipal inclúe as coproducións do Centro Dramático Galego ‘Territorio Regueifa’ e ‘Memorias dun neno labrego’
— As pezas de danza ‘Alén’, de Colectivo Glovo, ‘Cicatriz’, de Kirenia Danza, e ‘BenQuerer’, de Fran Sieira, coproducións co Centro Coreográfico Galego, forman parte da mostra Primavera enDanza
— O primeiro semestre de actividade ofrece 307 citas en 42 concellos cun orzamento próximo aos 1,29 M€
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido polo Goberno galego en colaboración coas 42 entidades locais asociadas, achégalle ao público de Carballo 11 funcións escénicas ata finais de abril como parte da programación municipal Cultura con forza. Entre as propostas máis destacadas sitúanse as coproducións do Centro Dramático Galego Territorio Regueifa, xunto a Ainé, e Memorias dun neno labrego, con Contraproducións, así como a pezas de danza Alén, Cicatriz e BenQuerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, as tres coproducidas pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.
O director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, participou hoxe no Pazo da Cultura na rolda de prensa de presentación deste calendario nun acto compartido con Daniel Pérez, alcalde de Carballo, e Maruxa Suárez, concelleira de Cultura. O novo programa municipal completo, que se estenderá ata maio, reúne máis de 25 propostas de teatro, música, cinema, danza, fotografía e exposicións, e inicia a súa actividade o 30 de xaneiro coa Mostra de Cine Euroárabe Amal en Ruta.
Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que xa está en marcha desde o pasado 15 de xaneiro a nova carteleira anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun primeiro semestre no que o público poderá gozar ata xuño de 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. Cofinanciado pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e polas entidades locais adheridas, o circuíto conta cun orzamento próximo aos 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, destinado á contratación de 102 compañías escénicas e grupos de música, na súa meirande parte galegos.
“Esta colaboración cos concellos permítenos achegar ás programacións municipais unha oferta estable e profesional, con presenza destacada da creación galega, como se ve tamén en Carballo”, salientou Jacobo Sutil. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais puxo en valor a calidade e a diversidade dunha oferta que abrangue teatro, danza, circo, maxia e música e definiu a Rede Galega de Teatros e Auditorios como “a gran xanela para o talento galego, que facilita a circulación dos espectáculos e o encontro co público en todo o territorio”. Tamén incidiu na relevancia da auditoría técnica impulsada pola Xunta para mellorar as infraestruturas dos espazos membros e destacou a evolución nos últimos anos en canto ás cifras de público, que pasaron de máis de 80.000 persoas en 2019 a rebordar os 100.000 asistentes en 2024.
Propostas galegas de teatro e danza
A programación escénica cofinanciada pola Xunta no Pazo da Cultura de Carballo ábrese coa estrea absoluta de Territorio Regueifa (6 de febreiro), coprodución de Ainé co Festival Internacional Outono de Teatro e o Centro Dramático Galego. Esta función enmárcase na programación viencellada á última edición do certame carballés e recupera unha cita prevista para se estrear no pasado mes de outubro que tivera que ser suspendida por enfermidade dun dos seus protagonistas. O formato mestura improvisación, humor e música arredor do espírito festivo da regueifa.
Ademais, no ciclo Venres Culturais e fóra da programación da Rede, incorpórase Memorias dun neno labrego (21 de febreiro), o espectáculo do Centro Dramático Galego e Contraproducións dirixido por Cándido Pazó a partir do emblemático libro de Xosé Neira Vilas co que se homenaxea o autor no 10º aniversario do seu pasamento.
Conforman a carteleira teatral a xira de despedida das táboas de Iribarne (28 de febreiro) de ButacaZero; Vitória (6 de marzo), de Iria Pinheiro; O proceso (13 de marzo), de Malasombra; A penúltima (20 de marzo), de Carlos Blanco, e O dragón de ouro (27 de marzo), de Sarabela Teatro. A oferta complétase con dúas propostas familiares: Voa, voa! (1 de marzo), de Talía Teatro, e Bulebule (29 de marzo), de Os Náufragos Teatro.
Tamén figuran propostas de artes de movemento agrupadas na mostra Primavera enDanza. Así, dentro da Rede poderán verse Cicatriz (17 de abril), de Kirenia Danza; Alén (24 de abril), de Colectivo Glovo; BenQuerer, Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras (26 de abril), de Fran Sieira Cía., e El verbo (30 de abril), do andaluz Daniel Doña. As tres primeiras pezas estás realizadas en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
Ademais das funcións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, Cultura con forza amplíase ata 25 propostas de teatro, cinema, danza, fotografía e exposicións, así como o concerto Voces e pegadas de Rosalía de Castro, de Amancio Prada, o 8 de maio.
As entradas e bonos para os espectáculos póñense á venda en liña desde o vindeiro xoves 29 na web billeteira.carballo.gal.



