A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, compareceu este venres en rolda de prensa para informar, entre outras cuestións, dalgúns datos económicos que avanzan o peche do exercicio económico 2025. Neste marco, a rexedora compostelá avanzou que se presentaron 275 autoliquidacións do imposto ás estadías turísticas no período voluntario para a liquidación esta recarga municipal, que entrou en vigor o 1 de outubro. Supoñen un ingreso duns 600.000 euros.
A alcaldesa avanza que se presentaron 275 autoliquidacións do imposto ás estadías turísticas no período voluntario por valor duns 600.000 euros
“Estamos ante unha cantidade moi importante, que se aproxima ao cálculo, prudente, que fixemos”, manifestou en rolda de prensa a rexedora municipal. Este cálculo realizouse contando con medias, sen poder prever o número de exencións, polo que Goretti Sanmartín valorou que se “confirmou que o procedemento era o correcto e que funciona”.
Hai que ter en conta que neste primeiro período pode haber negocios que aínda non verificasen correctamente o proceso.
Avance execución orzamentos
No que ten que ver cos datos provisionais do peche do exercicio, Goretti Sanmartín avanzou que o grao de execución do orzamento de 2025 do Concello de Santiago de Compostela sobre o crédito total é do 62,17 %, calculado tendo en conta as obrigas recoñecidas.
No capítulo IV tranferencias correntes, é dicir, nas subvencións ao tecido social, executouse o 85,23 %, polo que “estamos falando de cantidades moi relevantes”. E no capítulo II, co que se financia o funcionamento dos servizos, alcanzamos o 74,18 % de media.
No capítulo dos investimentos, executouse o 24,46 %. Ao respecto, Sanmartín Rei lembrou que neste capítulo VI, os proxectos teñen un ciclo máis longo, mais estes datos, engadiu, “mostran unha maior execución orzamentaria fronte ao ano anterior” e mellor execución no capítulo de subvención e investimentos. “Estamos na media máis alta desde 2020 e para os investimentos, desde 2029 non fora tan alta. De todas as formas non quero facer unha lectura triunfalista, queremos mellorar estes datos”, manifestou a alcaldesa de Santiago, quen indicou tamén que o Concello agarda que coa implantación da aplicación de contabilidade Xema tamén se vaia mellorar os resultados. “Quero mostrar unha certa satisfacción por ver que se están comezando producir resultados positivos”, sinalou.
Pontepedriña e Plataforma Loxística
Doutra banda, a alcaldesa de Santiago referiuse ao estado de execución dalgunhas obras en curso. En canto ás obras de renaturalización e reurbanización do barrio de Pontepedriña, Goretti Sanmartín afirmou que “o remate das obras non está en cuestión, seguen o seu transcurso normal, máis alá de que non se completasen antes do 31 de decembro de 2025”.
Os servizos técnicos están revisando os datos e o Concello dotará con recursos propios as cantidades que non quedan cubertas pola vixencia da subvención dos Fondos Next Generation. Hai que ter en conta que unha parte do proxecto xa se financiaba con orzamento municipal e que só haberá que suplementar a cantidade que cubría a subvención da parte da obra executada en 2026. O Concello calcula que haberá que achegar uns 225.000 euros.
Sobre a lagoa do Auditorio, o Concello vai desistir do procedemento, mais non renuncia ao proxecto, que este goberno intentará recuperar con cargo a outros fondos.
En canto ás obras da Plataforma Loxística, a rexedora compostelá indicou que o Consorcio aprobou modificacións previas dos prazos da obra, segundo solicitou TRAGSA (que recibiu o encargo de desenvolver esta obra), con base nos problemas que tivo para conseguir algunha subministración e tamén polas dificultades atopadas no subsolo durante a excavación.
O Concello terá que suplementar a cantidade que corresponde á porcentaxe do financiamento externo que rematou a súa vixencia o 31 de decembro e que, segundo as estimacións feitas, será algo menos de 250.000 euros.
Reunión García Lorca
Finalmente, Goretti Sanmartín anunciou que o próximo luns o Concello convocou a veciñanza no local da Asociación da Guadalupe o próximo luns, día 26, ás 19.30 horas, para dar conta da execución das obras de rehabilitación da rúa de García Lorca.
Nas xuntanzas técnicas informouse de que se vai tramitar unha modificación do proxecto para resolver unha canalización de fibrocemento que non se detectara na preparación do proxecto. A veciñanza ten xa información, mais o próximo luns tanto o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, e a dirección da obra darán conta.



