Algúns dos vídeos promocionais dos negocios adheridos superan ás 12.000 visualizacións e posicionan aos locais nos principais motores de búsqueda. O Concello adianta que haberá nova campaña de tarxetas polo Día da Nai.
A plataforma de promoción e visibilidade do comercio local de Marín, Marín en Rede, recibiu no último trimestre oito novas altas de negocio. Trátase da Panadería A Bicha, recén aberta na Praza de Abastos; a Administración de Lotería de Jaime Janer, a Librería Begoña de Seixo, La Semilla, Leti Ferreira, Umami, Los Manjares de Conchita e Electrodomesticos Ogando.
Estes negocios contan xa cunha ficha online dentro da web municipal, que lles permite ter unha boa presenza en Internet, xa que unha das cousas que máis se traballa desde a plataforma é o posicionamento SEO, é dicir, que cando alguén utiliza un navegador para buscar tendas, locais e negocios en Marín poida atopar facilmente entre os primeiros resultados as fichas actualizadas destes establecementos, onde poden ver imaxes, cartas, prezos, servizos ou productos á venda, horario de apertura…
“A presenza online hoxe é fundamental”, apuntan desde o Concello, que lembran que este servizo que se lle presta á economía local de Marín é totalmente gratuíto.
“É como ter a unha axencia de marketing dixital desenvolvendo unha serie de accións que, de ter que pagarse, suporían un gasto moi importante para os comercios, que non sempre teñen músculo para investir en estratexia de comunicación”.
Unha das accións que mellor está a funcionar son os vídeos de promoción dos establecementos. Nestes últimos meses, foron protagonistas Arco Iris, Magics Perfum, Umami, Fisio Lois (con tres vídeos), Secretos de Meiga, Leti Ferreira (co que ten publicado e aínda hai outro pendiente), La Semilla (que ten un publicado nas redes de Marín en Rede e outro enlazado coa súa propia web), Los Manjares de Conchita e a Librería Begoña. Agora, están “no forno” os da nova panadería da Praza e o de Melson, entre outros.
Calquera negocio que queira contar cun vídeo como o destes establecementos, non ten máis que poñerse en contacto coa plataforma ou ben a través das redes sociais da mesma ou poñéndose en contacto co Concello. “Hai que ter en conta que son vídeos que teñen moito impacto en redes. Por exemplo o de Vero, que rexenta La Semilla, tivo 17.638 visualizacións entre Facebook e Instagram e xerou moitas interaccións coa comunidade, ou o de Leti Ferriera, que acadou case 12.000 visualizacións”.
A campaña de tarxetas volverá polo Día da Nai
Por outro lado, o Concello adianta que volverá a campaña de sorteo de tarxetas regalo entre a clientela que sexa fiel ao comercio local para acompañar ás compras previas ao Día da Nai.
Estas campañas funcionan moi ben a ollos da Administración local e dos propios establecementos, pois fomentan a compra en Marín e dan unha recompensa directa a aqueles que son fieis consumidores na vila, cun agasallo que tamén queda no comercio e a hostalaría locais, posto que os cartos das tarxetas só poden gastarse aquí.
As bases de participación compartiranse máis adiante, a medida que se achegue a data de inicio da campaña de promoción comercial.



