HomeA CoruñaA CoruñaAbegondo abrirá o luns a inscrición do seu concurso de disfraces de...

Abegondo abrirá o luns a inscrición do seu concurso de disfraces de Entroido

- Anuncio -spot_img

· Como novidade, o Concello outorgará un accésit a aqueles grupos e comparsas formados, como mínimo, por un 50% de veciños e veciñas empadroados no municipio.

O espírito do Entroido invadirá Abegondo o domingo, 15 de febreiro. O Concello xa ten todo preparado para celebrar a cita ao grande, e o programa incluirá propostas para todos os públicos cun fío condutor: a tradición, a animación e a diversión. Haberá concurso de disfraces, desfile, talleres e inchables para os máis pequenos e unha actuación musical a cargo de Carlos Manteiga. As persoas interesadas en participar no certame poderán inscribirse a partir do luns, 26 de xaneiro.

A xornada dará comezo ás 18.30 horas co tradicional desfile de Entroido, que encherá o municipio de cor, creatividade e ambiente festivo. A continuación, terá lugar o concurso de disfraces, no que se repartirán distintos premios.

Categorías do concurso de disfraces

Dividirase en catro categorías: individual ou por parellas, en grupo, comparsas e premio especial á orixinalidade.

Na modalidade individual/parellas, haberá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros.

Doutra banda, no apartado de grupos concederanse un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.

No caso das comparsas, os galardóns serán de 800 euros, 500 euros e 300 euros, respectivamente.

En canto ao premio especial á orixinalidade, este galardón será de 100 euros.

Como novidade nesta edición, e co fin de fomentar a participación veciñal, o Concello outorgará un accésit a aqueles grupos ou comparsas formados por, polo menos, un 50% de veciños e veciñas empadroados no municipio de Abegondo. Este recoñecemento consistirá en 50 euros para os grupos e 100 euros para as comparsas.

Así mesmo, como todos os anos, as persoas empadroadas que acudan disfrazadas e estean previamente rexistradas recibirán un obsequio por parte do Concello.

O prazo de inscrición estará dispoñible ata o propio 15 de febreiro, ás 20.00 horas, na Casa do Concello.

Ademais, durante a tarde, a nenos e nenas poderá gozar de talleres e de inchables. O músico Carlos Manteiga será o encargado de poñer o broche final ao Entroido cun concerto.

Publicacións Relacionadas