- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 de ambos certames, dos que poderán presentarse solicitudes desde o 26 de xaneiro ata o 30 de abril de 2026
- O Goberno galego destina en conxunto 43.000 €, dos que 28.000 son para o certame Cooperativismo no Ensino 2026 e 15.000 € para os Premios á Cooperación e enmárcase na aposta global da Administración galega a prol da economía social
- Cos galardóns de cooperación o Executivo galego outorgará tres recoñecementos á entidade que destaque polos valores cooperativos e ao mellor proxecto novo e á traxectoria dunha cooperativa, respectivamente
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria unificada correspondente ao ano 2026 do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, ambas iniciativas destinadas a reforzar a divulgación dos valores cooperativos entre o alumnado dos centros educativos galegos e a poñer en valor o traballo que desenvolven as cooperativas na consolidación deste modelo empresarial.
A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o 26 de xaneiro ata o 30 de abril de 2026, conta cun orzamento total de 43.000 euros por parte do Goberno galego. Desta contía, 28.000 euros destínanse ao certame Cooperativismo no Ensino 2026 e 15.000 euros aos Premios á Cooperación. A medida inscríbese no compromiso global da Administración autonómica coa economía social, un ámbito ao que a Xunta dedicará este ano preto de 45 millóns de euros. En concreto, esta convocatoria contribúe a visibilizar o papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural.
Certame de Cooperativismo no ensino
No que respecta ao certame Cooperativismo no Ensino, poderán participar centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, tal e como ocorreu na última edición, na que tomaron parte 24 centros educativos.
O alumnado poderá presentar propostas en tres modalidades. A primeira, dedicada a actividades artísticas, está dirixida a educación infantil, primaria e educación especial. Outorgaranse catro premios e catro accésits, dotados con 2.500 e 1.500 euros respectivamente. A segunda modalidade abrangue actividades cooperativizadas para estudantes de educación secundaria obrigatoria e educación especial, e inclúe dous premios e dous accésits, tamén de 2.500 e 1.500 euros. A terceira modalidade corresponde a proxectos empresariais cooperativos, orientada a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Nesta categoría concederase un premio de 4.500 euros e un accésit ao proxecto finalista por importe de 3.500 euros.
Premios á Cooperación
Pola súa parte, aos Premios á Cooperación poderán concorrer todas as cooperativas galegas que destaquen pola súa traxectoria ou iniciativas, que estean ao día das súas obrigas e que non fosen recoñecidas en edicións anteriores. Igual que en anos previos —como o último, no que participaron 15 cooperativas—, establécense tres modalidades: valores cooperativos, mellor proxecto cooperativo novo e traxectoria cooperativa. Cada categoría está dotada con 5.000 euros.
O premio aos valores cooperativos distinguirá á entidade que máis sobresaia na promoción dos principios cooperativos, como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, a equidade, a solidariedade, a transparencia, a formación ou o compromiso coa comunidade. Na modalidade de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou inferior a 42 meses, que destaque polas súas achegas sociais, económicas, culturais ou ambientais. O premio á traxectoria cooperativa diríxese a entidades con máis de 42 meses de actividade e valorará aspectos como a solidez dos resultados económicos, a creación de emprego, as accións de intercooperación ou a expansión territorial.
Ligazón á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260123/AnuncioG0767-301225-0016_gl.html



