Critica o voto en contra á moción nacionalista que esixía suspender a licitación do transporte urbano por manter o mesmo número de buses cun custo económico maior
O Goberno de Caballero rexeita a remunicipalización, o aumento das frecuencias, uns mellores horarios, un novo mapa de liñas e reducións no prezo do billete
Xabier P. Igrexas: “O servizo de bus urbano xestionado por Vitrasa é tan público como o Hospital Álvaro Cunqueiro en mans dunha empresa concesionaria”
¬ Censura o veto do PSOE a debater a imputación da concelleira de Seguridade polo accidente do Saltamontes
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa a PSOE e PP de “hipotecar Vigo outra década dun servizo de bus insuficiente e privatizado”. Así o denunciou este luns no Pleno o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, durante o debate da moción nacionalista, tombada polos votos en contra dos grupos socialista e popular, que esixía suspender a licitación do transporte urbano por manter o mesmo servizo e número de autobuses pero cun custo económico moito maior.
Igrexas asegurou que a cidade “vai perder unha oportunidade histórica” para contar cun servizo de bus que responda ás principais necesidades veciñais, como mellorar frecuencias, liñas e puntualidade, segundo constatou o estudo encargado polo Concello como base para a licitación. Considerou que os pregos elaborados polo Goberno local evidencian que “non teñen ningunha vontade” de atender estas demandas.
O portavoz municipal do BNG subliñou que a licitación estabelece o mesmo número de buses da actual frota, e só contempla a renovación dalgúns vehículos por outros máis novos. Na mesma liña, censurou que se manteña o mesmo cadro de persoal e un máximo de quilometraxe que está por debaixo do servizo que se prestaba antes de 2020, cando o Goberno de Caballero consentiu o recorte de 250 frecuencias diarias por parte de Vitrasa.
Remunicipalización
Dende a fronte nacionalista volveron defender na sesión plenaria a remunicipalización do servizo como mellor alternativa para deixar atrás os problemas xerados pola concesión privada. “O servizo de bus urbano xestionado por Vitrasa é tan público como o Hospital Álvaro Cunqueiro en mans dunha concesionaria”, retrucou Igrexas ás críticas do concelleiro de Fomento.
Diante das negativas de PSOE e PP a esta fórmula, o portavoz municipal do Bloque lembrou que moitas cidades gobernadas por ambas forzas contan con empresas públicas de transporte como Madrid, Sevilla, Vitoria, Xixón, Valencia, Málaga, Palma de Mallorca, Las Palmas ou Córdoba, e tamén grandes capitais e urbes europeas como París, Berlín, Roma, Viena, Bruxelas, Ámsterdam, Xenebra, Lisboa ou Porto.
Lembrou, a ese respecto, que a reversión dos medios coa fin da concesión de Vitrasa así como as condicións económico-financeiras do Concello fan “perfectamente viábel” este proceso para a xestión pública directa do servizo de transporte urbano.
Mesmos buses e persoal
Dende o BNG afearon que o Goberno de Abel Caballero prorrogase en 2020 a concesión de Vitrasa alegando que “era moi difícil” e, cinco anos despois, deseñen unha nova licitación cun custo que incrementa substancialmente o actual “pero sen un só bus máis, sen unha nova liña nova, sen máis condutores, sen máis frecuencias e puntualidade”.
Advertiu ademais de que este incremento tamén se pode ver reflectido na subvención municipal até os 20 millóns de euros anuais, así como sobre o prezo do billete malia ser hoxe o máis caro de todas as cidades galegas con e sen bonificacións. “Imos pagar máis polo mesmo servizo insuficiente e deficiente, pero con buses máis novos”, denunciou.
Propostas do BNG
A fronte nacionalista defendía na súa moción unha batería de propostas para a mellora do servizo de bus: o deseño dun novo mapa de liñas que conecte mellor o conxunto de barrios e parroquias, o aumento de frecuencias (diurnas e nocturnas, de luns a domingo) e mellores horarios, así como incluír unha liña CERO entre Teis e Navia. Aliás, propoñen ampliar o billete de transferencia coa posibilidade de realizar até dous transbordos gratuítos nun período de 60 minutos, mellorar a integración intermodal e reducir o prezo do billete, incluíndo a gratuidade permanente para menores de 15 anos, persoas desempregadas e en situación de vulnerabilidade social.
Aliás, o Bloque chamaba a convocar de forma urxente o Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo para debater e acordar “de maneira participativa” as condicións para o transporte urbano na cidade, en lugar dunha licitación para un contrato de prestación que alertaron “vai hipotecar a nosa cidade unha década”.
¬ O PSOE veta a moción de urxencia polo accidente do Saltamontes
O BNG censurou tamén o “veto” do PSOE a debater as mocións de urxencias rexistradas pola fronte nacionalista e o grupo popular após se coñecer a imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, polo seu papel no tráxico accidente do Saltamontes en 2024 nas festas de Matamá, e que custou a vida a un veciño da cidade.
Igrexas asegurou que este feito “gravísimo e sen precedentes na Corporación merece ser abordado polo máximo órgano do Concello”. Porén, o grupo socialista rexeitou a urxencia do asunto malia que a citación xudicial da edil de Seguridade “verifica a existencia de indicios sólidos dunha eventual responsabilidade municipal”.
O portavoz do Bloque en Vigo afeou que, 541 días despois do accidente, o Goberno de Abel Caballero continúe “sen dar ningunha explicación nin asumir ningunha responsabilidade”. A iniciativa nacionalista esixía por estes motivos o “cesamento inmediato” da concelleira de Seguridade, a creación dunha Comisión Especial de Investigación no Concello e a actualización dos protocolos de inspección de atraccións.



