O grupo municipal socialista de Redondela levará ao pleno ordinario deste mes unha moción para defender a sanidade pública galega “universal, gratuíta, de calidade e baseada na xestión pública dos servizos”.Denuncian que, malia ser un servizo fundamental para a cidadanía, a situación sanitaria en Galicia, e particularmente na Área Sanitaria de Vigo á que pertence Redondela, presenta “un deterioro crecente que preocupa a profesionais, pacientes, concellos e colectivos sociais”. No caso de Redondela, os dous centros de saúde de Redondela e Chapela, levan anos sufrindo falta de profesionais, sobrecarga asistencial e dificultades para cubrir baixas e vacantes. Estes centros comparten médicos e pediatras cos concellos de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, “o que reduce aínda máis a capacidade de atención e incrementa a presión asistencial”.
O PAC de Redondela, que atende as urxencias de toda esta área, “soporta unha saturación continuada e disfuncións organizativas que derivan en tempos de espera inaceptables, profesionais esgotados e usuarios desatendidos”.
O PsdG-PSOE pedirá ao resto de grupos da corporación o seu apoio para instar á Xunta “a reforzar de maneira urxente a Atención Primaria nos centros de saúde de Redondela e Chapela, incrementando o número de profesionais médicos, pediátricos, de enfermaría e de persoal administrativo, así como garantindo a cobertura de baixas, vacantes e xubilacións”.
Na moción reclaman tamén á Xunta de Galicia un incremento do investimento público en sanidade, en especial na Atención Primaria, na mellora das infraestruturas sanitarias e na contratación de profesionais. Reclaman tamén “transparencia total” nos concertos sanitarios cos centros privados, especialmente no caso do Hospital Povisa, “garantindo que estes acordos non supoñan recortes nos servizos públicos”.



