Será ás 19.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela
“A gran catedral de Tui nos séculos do barroco ( ss. XVII-XVIII)” é o título da conferencia que o catedrático Miguel Taín Guzmán ofrecerá este xoves, 29 de xaneiro, ás 19.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.
Esta actividade forma parte do programa organizado polo Concello de Tui para conmemorar os 800 anos da consagración da catedral tudense.
Miguel Taín é na actualidade catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela así como director da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e Peregrinacións da USC (desde 2019). Fundador e codirector das Leccións Xacobeas Internacionais da Universidade de Santiago (desde 2007); fundador e director do Máster en Rehabilitación e Renovación Urbana (2006-2009); e membro do Comité Español de Historia da Arte. Ten realizado estadías de investigación en centros académicos como o Kunsthistorisches Institut de Florencia do Max-Planck-Institut, na Villa I Tatti-Universidade de Harvard, na Brandenburg Research Academy and International Network (BRAIN) – Marie Curie Fellowship no Departamento de Historia da Arquitectura da Brandenburgische Technische Universität en Cottbus e no Pilgrimage Studies Institute do College of William and Mary nos EUA.
Miguel Taín ten dedicado diversas investigacións e publicacións específicamente á catedral de Tui: “La catedral de Tui y su arquitectura en los siglos XVI, XVII y XVIII” (2015), “La construcción en cantería en la Galicia barroca. Las monteas del coro alto de la capilla de San Telmo de Tui” (2013), “Dos intervenciones arquitectónicas en la catedral de Tui en el siglo XVII: el doble claustro y el muro del trascoro” (2006) “El palacio del vestuario y la contaduría de la catedral de Tui (1796-1797)” (2004) ou “Sobre la ruina de la catedral de Tui (siglos XVII y XVIII)” (2003). Tamém os seus estudos sobre a «peregrinación» de Cósimo de Médici (1669) abranguen amplamente á historia das peregrinacións pola nosa cidade.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que é unha auténtico luxo contar neste ciclo de conferencias coa presenza de Miguel Taín Guzmán acreditado como un dos grandes especialistas da arte barroca en Galicia e cunha dilatada traxectoria de investigación arredor da catedral tudense. A súa conferencia aportará novos datos, visións e valoracións que nos achegaran ao coñecemento do amplo patrimonio que atesoura este templo, que agora celebra o oitavo centenario da súa consagración.



