HomeA CoruñaRibeira reforza a súa aposta pola reciclaxe de desfeitos orgánicos e simplifica...

Ribeira reforza a súa aposta pola reciclaxe de desfeitos orgánicos e simplifica o sistema de apertura do colector marrón

- Anuncio -spot_img

• O Goberno local arrinca mañá unha campaña de información para toda a veciñanza

O Concello de Ribeira anunciou hoxe que intensificará a súa aposta por simplificar o sistema de apertura dos colectores marróns que xa están instalados nas rúas do municipio. Para iso, o Goberno local suplirá as actuais pechaduras de tarxeta electrónica por un sistema de chave mecánica, máis sinxelo de usar e cun custe de mantemento moito máis baixo.

Por este motivo, a partir de agora, a veciñanza que queira seguir facendo uso do colector marrón poderá recoller a súa chave na carpa da campaña informativa, “Ti tes a Chave”, que o Goberno local instalará nas rúas de Ribeira:
– Martes 27 de xaneiro, en horario de 10:30h a 13:30h e de 15:30h a 18:30h en rúa de Galicia, á altura da farmacia Fernández Sanmamed.
– Xoves 29 de xaneiro, en horario de 10:30h a 13:30h e de 15:30h a 18:30h na praza do Concello.

Do mesmo xeito, as persoas que o prefiran poderá tamén recoller a súa chave dirixíndose ao Concello en horario de atención á cidadanía. En vindeiras semanas, o Concello informará de novas datas, localizacións e horario mediante as redes sociais do municipio.

As familias que desexen solicitar a chave e sumarse á separación e reciclaxe dos residuos orgánicos poden facelo cubrindo este formulario web. Tamén poden consultar a localización dos colectores máis próximos á súa vivenda mediante este mapa.

Información porta a porta a hostaleiros e comerciantes

Ademais, durante o mes de febreiro, o Goberno local vai levar a cabo unha campaña de información porta a porta aos grandes xeradores de residuos orgánicos, como son o sector hostaleiro e comercial entre outros.

As visitas realizaranse ao longo do mes de febreiro, e nunha primeira cita vaise a informar directamente aos responsables dos establecementos da obriga que teñen de separar os residuos orgánicos, e tamén poderán sumarse á campaña. Posteriormente, levaranse a cabo visitas de seguimento e control que se realizarán durante os vindeiros meses.

Por unha Ribeira máis sostible

Esta iniciativa serve tamén para recordar que os residuos que deben depositarse no colector marrón son os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas, en definitiva calquera resto orgánico.

Pola contra, queda prohibido depositar neste colector os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.

O Concello de Ribeira aproveitou tamén para recordar a importancia de que a veciñanza tome conciencia de que o obxectivo de acadar un municipio máis sostible é responsabilidade de todos e todas.

Publicacións Relacionadas