Alternativa propón que a Deputación proporcione asesoramento técnico-xurídico aos concellos interesados nesta acción xudicial
A situación de asfixia financeira que padecen os concellos galegos debido ao exercicio de competencias delegadas pola Xunta de Galicia chegou a un punto de non retorno. O caso máis flagrante é o da Dependencia e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Mentres a Xunta de Galicia ostenta a competencia exclusiva en políticas sociais, son os concellos os que, na práctica, sosteñen o sistema. A administración autonómica limítase a transferir unha contía por hora que non cobre, nin de lonxe, o custo real que os concellos pagan ás empresas prestadoras ou ao persoal propio.
Esta diferencia, que debería ser asumida ao 100 % pola Xunta e o Estado, está a ser cuberta con fondos municipais, o que supón un detraemento de recursos para obras, cultura, deportes e servizos básicos locais. Recentemente, o acordo asinado entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia non fixo máis que oficializar unha inxustiza. Ese convenio que establece para o 2028 unha aportación da Xunta de Galicia de 18 euros/hora, non cubrirá o 100% do custo do SAF, que neste momento xa está en 24 euros/hora e que con toda seguridade se verá incrementado proximamente de forma considerable. Aceptar migallas mentres as arcas municipais se baleiran para exercer competencias autonómicas é un erro que non podemos permitirnos por máis tempo.
Ante esta situación, Alternativa propón crear unha oficina de asesoramento técnico-xurídico no seo da Deputación para coordinar aos concellos interesados nesta acción xudicial, recollendo os datos de infrafinanciamento de cada municipio para dar solidez á demanda; así como que a Deputación da Coruña asuma a asistencia xurídica e os gastos derivados de presentar e tramitar a denuncia conxunta dos concellos da provincia contra a Xunta de Galicia pola falta de financiamento da Dependencia.



