Á construción de 21 pisos en Perillo iniciada a finais do pasado ano, sumarase nos vindeiros días a edificación doutros 94 en Xaz. En Mera tamén comezarán nos próximos meses as obras para 31 vivendas. Todos os pisos están xa adxudicados.
Un total de 146 familias terán unha vivenda a través destas 3 cooperativas promovidas polo Concello de Oleiros. O prezo medio destes pisos está en 205.000 euros máis IVE, moi lonxe dos 350.000 ou 450.000 euros polos que se venderían no mercado libre.
O Concello promoveu a constitución de 3 cooperativas de vivendas en Perillo, Xaz e Mera, mediante a venda de solo de propiedade municipal a prezos inferiores ao mercado.
PREZOS DAS VIVENDAS
Despois das reiteradas denuncias por parte do Concello alertando da inexistencia de axudas reais e efectivas da Xunta para facilitar a adquisición de vivendas protexidas mediante cooperativas, convocáronse unhas subvencións autonómicas que acaban de ser resoltas. Así, as cooperativas de Xaz e Perillo recibirán 1.080.000 euros, minorando en 10.000 euros o desembolso a realizar para a adquisición de cada un dos pisos (a cooperativa de Mera, constituída máis tarde, entrará na convocatoria de 2026).
O prezo inicial de adquisición destes pisos estaba de media nos 215.000 euros (3 dormitorios, 2 prazas de garaxe e máximas calidades construtivas). Ese importe está estipulado polos parámetros da Xunta de Galicia e varía á baixa ou a alza en función dos metros cadrados da vivenda. Con esta subvención todas as vivendas ven reducido o seu importe de adquisición en 10.000 euros. En ningún caso, nin antes das subvencións, o custo dos pisos protexidos era de 300.000 euros, como afirmaba algún grupo político da oposición.
NOVAS COOPERATIVAS
Nas próximas semanas o Concello sacará á venda máis solo, tamén a prezos inferiores de mercado, para a construción de máis vivendas protexidas. Serán 19 na capital do municipio, no centro de Oleiros, e 15 en Mera. Unha vez adxudicadas, informarase debidamente de todo o proceso de inscrición para aquelas posibles persoas interesadas.
INICIATIVA PRIVADA
No último desenvolvemento de Icaria tamén se crearán, por iniciativa privada, 22 pisos en réxime de alugueiro protexido. En todas as urbanizacións que se van formando, o Concello reserva os mellores espazos para as vivendas de protección.
Esta política do Concello de Oleiros é única a nivel municipal en Galicia. Mentres Xunta e Estado aproban leis infrutuosas e anuncian a construción de milleiros de vivendas que nunca chegan, coa promoción destas 3 cooperativas o prezo medio dun piso de nova construción en Oleiros descendeu notablemente, ata o punto de ser o máis baixo da comarca.



