Subliña que o éxito do premiado, que emprendeu con 45 anos e hoxe conta cun grupo empresarial que ten presenza en máis de 500 cidades de 80 países
Reivindica o papel da Xunta como unha administración facilitadora que elimina trabas burocráticas e ofrece estabilidade e previsibilidade
Destaca a fortaleza da economía galega tras pechar 2025 co nivel de desemprego máis baixo para un mes de decembro de toda a serie histórica
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a figura de Cándido Hermida como un referente imprescindible do tecido produtivo galego, cuxa traxectoria encarna os valores do esforzo, a humildade e o compromiso coa terra que o veu nacer. Durante a súa intervención na XV edición dos premios da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), que este ano recibiu o empresario de Ferrolterra, Rueda definiu ao galardoado como un exemplo da Galicia Calidade que se traballa durante anos e con esforzo.
O titular do Executivo autonómico enxalzou a capacidade de Hermida para converterse nun líder global –o seu grupo empresarial, especializado en solucións integrais de deseño, fabricación e interiorismo a medida para os sectores retail, horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías) e naval, está presente en máis de 500 cidades de 80 países– sen esquecer as súas orixes como ebanista. Ao mesmo tempo, tamén puxo en valor o espírito emprendedor do premiado, que decidiu crear a súa propia empresa aos 45 anos e convertela nunha gran industria aos 65 ao instalarse no polígono naronés de Río do Pozo.
Así mesmo, Rueda recoñeceu o importante papel que xogan en Galicia as empresas familiares, xa que representan o 94% das firmas da comunidade, e agradeceu especialmente o compromiso de Cándido Hermida coa formación das novas xeracións a través da FP Dual, lembrando que o grupo empresarial foi pioneiro en colaborar na súa comarca con esta modalidade que acada taxas de inserción laboral próximas ao 100%.
Galicia, un modelo de estabilidade
No acto, o presidente autonómico reafirmou o compromiso da Xunta de ser unha administración facilitadora que estea sempre ao lado dos empresarios que elixan Galicia para xerar riqueza. Neste sentido, puxo como exemplo a Oficina Económica de Galicia como ferramenta clave para eliminar trabas burocráticas, un modelo de éxito que recentemente expandiu a súa presenza coa apertura dunha nova sede en Madrid a pasada semana.
O presidente subliñou que comunidade ofrece hoxe estabilidade e previsibilidade aos investidores, como demostra a publicación anticipada este mes das axudas que vai ter o Igape para este ano (181 millóns de euros en 13 liñas de apoio) que permite que as empresas poidan planificarse mellor.
Ademais, Rueda salientou o bo momento que está a atravesar a economía galega, que pechou o exercicio de 2025 co nivel de desemprego máis baixo para un mes de decembro de toda a serie histórica. Así mesmo, Galicia continúa batendo marcas en exportacións, consolidándose como un motor competitivo no mercado internacional.
Finalmente, felicitou á Confederación de Empresarios da Coruña polo seu papel como altofalante das demandas do sector e por recoñecer a traxectoria do tecido produtivo da comunidade a través destes estes premios.



