· A concelleira popular, Mónica Quintas, denuncia que estas continúas crises de goberno xustifícanse por motivos persoais, “cando a realidade é que existen problemas internos que están a dificultar unha xestión municipal estable e eficaz”
· Contrapón esta situación ao apoio financeiro da Deputación de Ourense, que cando remate o actual mandato haberá destinado a Vilar de Santos máis de 888.000 euros no marco do Plan de CooperOU e doutras axudas aprobadas para diversas iniciativas municipais
A portavoz do Partido Popular en Vilar de Santos, Mónica Quintas, critica a situación de ingobernabilidade e inestabilidade política que vive o Concello, que no que vai de mandato xa tivo tres alcaldes do BNG, aínda vén de aprobar as contas do exercicio de 2024 e carece de orzamentos actualizados desde 2022.
“O que está a ocorrer desde xullo de 2023 é algo moi difícil de entender”, advirte Mónica Quintas, “pois estamos a falar de tres alcaldes do mesmo partido (BNG)”. Unha estraña situación, afirma, en tanto que afecta ao desenvolvemento de proxectos, servizos e programas municipais”.
Ademais, denuncia a edil do PP, a estas continúas crises de goberno súmase a renuncia de tres dos seus concelleiros, decisións xustificadas en todos os casos por motivos persoais, “cando a realidade é que existen problemas internos que están a dificultar unha xestión municipal estable e eficaz”. A todo isto engádese tamén a renuncia da seguinte persoa da lista do BNG e que debería asumir a acta que deixou a edil nacionalista Raquel Coello, quen renunciou este pasado venres no pleno celebrado pola Corporación.
Esta sucesión de cambios en postos clave como a alcaldía, pero tamén no grupo de goberno “teñen consecuencias directas no deficiente funcionamento do Concello”, lamenta a representante do PP, quen considera fundamental que “a veciñanza de Vilar de Santos saiba a realidade do está a acontecer co goberno nacionalista”.
Preocupante situación económica municipal
Mónica Quintas tamén alerta da “preocupante situación económica do Concello, derivada dunha “evidente falta de planificación por parte do BNG”. Neste mes de xaneiro, destaca, estanse a aprobar as contas correspondentes ao exercicio de 2024, “que reflicte un déficit próximo a 205.000 euros, o que dá conta da deficiente xestión económica”.
Ademais, o Concello está a funcionar sen orzamentos desde 2022 recorrendo á prórroga dos existentes “nunha práctica que limita a capacidade de planificación e actuación do goberno local”.
A falta de orzamentos actualizados, o atraso na aprobación das contas e o resultado negativo do exercicio de 2024 “teñen un impacto directo na estabilidade financeira municipal e na correcta prestación dos servicios públicos”, sinala a concelleira do PP.
Pola contra, Mónica Quintas contrapón esta situación ao apoio financeiro da Deputación de Ourense, que cando remate o actual mandato haberá destinado a Vilar de Santos 888.000 euros no marco do Plan de CooperOU e doutras axudas aprobadas para diversas iniciativas municipais.



