HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación comprométese a cofinanciar o PAI “Futuro Verde do Alto Támega”,...

A Deputación comprométese a cofinanciar o PAI “Futuro Verde do Alto Támega”, impulsado polos concellos das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras

- Anuncio -spot_img

Así o anunciou o presidente provincial, Luis Menor, nunha reunión de traballo cos rexedores de A Gudiña, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós

A reunión serviu tamén para definir un calendario inicial de traballo e para reforzar a cooperación institucional co obxectivo de presentar proxectos sólidos que permitan aproveitar ao máximo as oportunidades de financiamento europeo ligadas ao desenvolvemento urbano sostible

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo cos alcaldes e alcaldesas da comarca de Monterrei e Conso Frieiras para analizar os proxectos municipais vinculados á senda financeira FEDER destinada aos Plans de Actuación Integrados (PAI) de desenvolvemento urbano sostible, no marco do programa 2021–2027.

Na reunión participaron os rexedores de A Gudiña, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, que expuxeron as súas iniciativas e abordaron conxuntamente as necesidades e prioridades da comarca, así como a identificación de sinerxías e estratexias comúns para unha xestión eficiente dos fondos europeos.

Tralo encontro, o presidente provincial cualificou a xuntanza de “moi satisfactoria” e puxo en valor o traballo conxunto realizado polos concellos para impulsar un Plan de Actuación Integrado liderado polo Concello de Verín, baixo o nome de “Futuro Verde do Alto Támega”, centrado especialmente en actuacións vinculadas ao ciclo da auga.

Luis Menor comprometeu a colaboración da Deputación na cofinanciación do plan, co obxectivo de reducir ao máximo a carga económica que terán que asumir os concellos. “A Deputación non só cofinancia, senón que anima a seguir captando máis recursos doutras administracións para garantir a execución total dos proxectos”, sinalou, destacando que se trata dun plan estratéxico que permite atraer fondos do Estado, da Xunta de Galicia e da propia institución provincial.

O presidente subliñou que este proxecto supón unha inversión xa garantida de máis de sete millóns de euros, coa aspiración de acadar os dez millóns, e incidiu en que esta liña de traballo responde ao modelo que defende a Deputación: “sumar recursos propios cos doutras administracións e cos fondos estatais e europeos para impulsar o desenvolvemento da provincia e mellorar os servizos á cidadanía”.

En representación dos alcaldes, o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, agradeceu o apoio constante da Deputación e puxo de manifesto as dificultades que teñen os pequenos concellos para acceder a este tipo de convocatorias. “Estes proxectos europeos son moi complexos para municipios como os nosos, e sen a colaboración da Deputación, tanto técnica como orzamentaria, sería imposible levalos a cabo”, afirmou, destacando tamén o traballo conxunto de todos os concellos da comarca.

A reunión serviu tamén para definir un calendario inicial de traballo e para reforzar a cooperación institucional co obxectivo de presentar proxectos sólidos que permitan aproveitar ao máximo as oportunidades de financiamento europeo ligadas ao desenvolvemento urbano sostible.

Publicacións Relacionadas