O departamento de infraestruturas procedeu esta mañá ao peche preventivo da rúa Pena Trevinca tras confirmarse a existencia dun perigoso afundimento no subsolo que pon en risco a seguridade viaria.
Cronoloxía da incidencia
- Luns, 26 de xaneiro: Sobre as 17.00 horas, tras detectarse un afundimento na rúa, iniciáronse os traballos de sinalización e balizamento da zona afectada.
- Martes, 27 de xaneiro: Ás 10.00 horas, para non interferir na entrada dos centros escolares, realizouse unha cata de control para avaliar o estado da base do pavimento.
Diagnóstico técnico
Durante a inspección, os técnicos comprobaron que baixo a lousa de formigón (que orixinalmente servía de base para o antigo adoquín) existe un oco de grandes dimensións. Segundo a documentación técnica dispoñible, non consta a existencia de redes de servizos (auga, saneamento ou gas) nese punto concreto, polo que se están a investigar as causas do desprazamento de terras.
Medidas adoptadas
Corte total ao tráfico: Por motivos de estrita seguridade, a rúa permanecerá pechada ao paso de vehículos mentres se executan os traballos de reparación necesarios para emendar a deficiencia e garantir a estabilidade do firme.
O Concello prega aos condutores que utilicen rutas alternativas e desculpa as molestias que esta medida de urxencia poida causar.



