HomePontevedraCaldasO Operativo de Seguridade composto por Polícia Local, Operarios Municipais e Voluntarios...

O Operativo de Seguridade composto por Polícia Local, Operarios Municipais e Voluntarios de Protección Civil atendeu varias incidencias provocadas polo paso do temporal “Joseph”

- Anuncio -spot_img

As inmediacións do Umia e do Bermaña e a explanada da Tafona foron algúns dos puntos máis afectados

Rexistráronse desperfectos provocados pola auga en tres vivendas no núcleo, así como en vehículos que quedaron estacionados na explanada da Tafona

Tal e como se agardaba, o paso do temporal ‘Joseph’ deixouse notar en toda a comarca. En Caldas de Reis, o Concello estableceu un operativo de seguridade, supervisado polo alcalde, Jacobo Pérez, e integrado pola Policía Local, operarios municipais e voluntarios da Agrupación de Protección Civil.

Todas e todos eles traballaron arreo durante toda a madrugada, pendentes de dar resposta a todas as incidencias rexistradas.

Tal e como xa se agardaba, algunhas das zonas máis afectadas foron as inmediacións dos ríos Umia e Bermaña. A choiva provocou o solagamento da explanada da Tafona, afectando a algún vehículo que ficou alí estacionado durante todo a noite, a pesares das advertencias lanzadas desde a Administración local para efectuar a retirada dos automóbiles antes da chegada das fortes precipitacións. Ademais, foi necesario empregar bombas de achique na Praza do Camiño. As fortes choivas provocaron, asemade, desperfectos nos baixos de tres vivendas situadas nas inmediacións no Fogar do Maior, no núcleo caldense, así como nas dependencias do Centro Comarcal. Outra incidencia se rexistrou no aparcadoiro dun supermercado situado na Rúa Xoán Fuentes Echeverría, que acumulou un importante nivel de auga no seu interior.

Ademais de supervisar este dispositivo, o alcalde tamén estivo en contacto permanente cos técnicos do encoro, para analizar a súa situación. Neste sentido, Jacobo Pérez explicou que “xogou ao noso favor que a choiva remitise ás 5.30 da madrugada”. En todo caso, o rexedor caldense instou a cidadanía a non baixar a garda, xa que aínda se prevén máis chuvias nas vindeiras horas, polo que “debemos permanecer alertas e afastados das zonas máis problemáticas”.

Arestora, o río Umia baixa cun caudal moi importante. Durante a noite, o seu nivel de altura estivo a piques de chegar á ponte. Neste sentido, Pérez Gulín subliñou a importancia dos traballos de limpeza e mantemento que se fan na zona durante todo o ano, que “pode que non sexan visibles, pero si efectivos á hora de paliar as consecuencias das crecidas”.

O alcalde expresou o seu agradecemento á cidadanía polo seu comportamento exemplar durante o decreto da alerta vermella, xa que “en liñas xerais cumpríronse con todas as premisas de seguridad establecidas”. Ademais, tamén puxo en valor o labor dos operarios municipais e responsables de seguridade, así como de Protección Civil, cuxo esforzo “totalmente altruía é indispensable nestas situacións para garantir o benestar da nosa xente”.

Publicacións Relacionadas