HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas reforza a formación no uso do DESA na...

O Concello de Ponteareas reforza a formación no uso do DESA na comunidade educativa

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas organizou unha xornada de formación sobre o uso do Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) dirixida á comunidade educativa, co obxectivo de dotar á cidadanía de coñecementos básicos para actuar con rapidez e eficacia ante unha parada cardiorrespiratoria. Esta formación ofrecida con Tesgalicia (Asociación Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia) súmase ás xa ofrecidas abertas ao público en xeral e alumnado.

Esta iniciativa enmárcase no traballo coordinado pola concellería de Seguridade para levar esta formación a todos os centros educativos do municipio e tamén aos emprazamentos públicos nos que o Concello instalou dispositivos DESA. Na actualidade, todos os campos de fútbol, os pavillóns deportivos, a piscina municipal e a praza de abastos contan xa con este tipo de dispositivos.

Así mesmo, nos vindeiros días farase entrega dun DESA ao CEIP As Veigas, ao CEIP Feliciano Barrera e ao CEIP Mestre Ramiro Sabell, xa que o resto dos colexios públicos de Ponteareas dispoñen deste equipamento dotado polo Concello.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos Glez Carrera, sinalou a importancia de dispor destes aparatos nos espazos públicos, xa que “permiten unha resposta inmediata ante emerxencias cardíacas, aumentan significativamente as posibilidades de supervivencia, son sinxelos de usar e poden marcar a diferenza entre a vida e a morte nos primeiros minutos”. Ademais, destacou que contar con DESA “incrementa a seguridade dos espazos públicos, fomenta unha cultura de prevención e converte Ponteareas nun concello cardioprotexido”.

Glez Carrera adiantou tamén o seu compromiso de seguir ofrecendo formación continua para que a veciñanza poida aprender ou manter activos os seus coñecementos no uso destes dispositivos vitais.

O tenente de alcaldesa agradece a todas as familias, ao profesorado e ao persoal dos centros escolares “o seu compromiso coa vida e coa seguridade, demostrada coa participación activa nesta formación”, tamén a Tesgalicia por contribuir a salvar vidas.

Con accións como esta, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa saúde pública, a prevención e a formación da cidadanía como ferramentas fundamentais para salvar vidas.

Publicacións Relacionadas