O Concello de Ponteareas levará ao pleno do hoxe martes 27 de xaneiro de 2026 a aceptación da solicitude de renuncia ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) presentada pola empresa adxudicataria Óbolo o pasado 16 de xaneiro de 2026. A data de cesamento da actual concesionaria será previsiblemente o 31 de xaneiro de 2026.
Co obxectivo de garantir a continuidade do servizo sen interrupcións, tanto para as persoas usuarias como para o persoal traballador, o Concello recorrerá a un contrato extraordinario de emerxencia coa empresa Atendo, unha empresa da comarca con ampla experiencia e recoñecida traxectoria na xestión do SAF. Deste xeito, o Goberno local asegura que o servizo se seguirá prestando con total normalidade e calidade.
Esta decisión dá cumprimento ao acordo aprobado en pleno o pasado 24 de outubro de 2025, co voto en contra dos grupos da oposición BNG, PSOE e PC, no que se instaba a solicitar a renuncia voluntaria da empresa concesionaria e a contratar de forma temporal unha nova empresa mentres non se publicase unha nova licitación do servizo.
O Goberno local actuou en todo momento con dilixencia, responsabilidade e transparencia para garantir a correcta prestación deste servizo básico, actuación que foi reafirmada pola Fiscalía, avalando así a xestión municipal.
Na actualidade, o novo expediente atópase moi avanzado, sendo a intención do Goberno local levar a aprobación da nova licitación ao pleno do martes 27 de xaneiro, se ben esta aprobación queda condicionada á finalización dos informes xurídicos necesarios por parte do persoal técnico municipal.
O novo contrato suporá un salto cualitativo e cuantitativo sen precedentes, cun prezo por hora superior aos 27 euros, unha mellora substancial que permitirá reforzar as condicións do servizo, dignificar o traballo das profesionais e garantir unha atención de máxima calidade ás persoas usuarias. O Goberno local subliña que non escatimará esforzos económicos para asegurar que o SAF poida atender á totalidade das persoas con dependencia recoñecida de grao 2 e 3.
Cómpre lembrar que, no momento da toma de posesión do actual Goberno municipal, apenas se atendía á metade das persoas con grao 3 e ningunha con grao 2, unha situación que se está a reverter grazas á aposta decidida polas políticas sociais.
Este compromiso coas persoas máis vulnerables complétase con outras actuacións estratéxicas do Goberno local, como a construción da nova escola infantil, a reforma da residencia de maiores, a posta en marcha do programa de inclusión social cun investimento superior aos 500.000 euros, a reactivación do servizo de atención temperá, eliminado polo anterior goberno BNG-PSOE, e a futura construción de dous novos centros de día nas parroquias de Guláns e Xinzo.
O Concello de Ponteareas reafirma así o seu compromiso cun SAF forte, estable e de calidade, garantindo a atención ás persoas que máis o precisan e avanzando cara a un modelo de benestar social máis xusto e eficaz.



