HomeA CoruñaManuel Mirás promociona o Camiño Inglés na Arxentina

Manuel Mirás promociona o Camiño Inglés na Arxentina

- Anuncio -spot_img

O presidente de honra da Asociación dos Concellos do Camiño Inglés divulgou en Bos Aires e Córdoba unha das rutas xacobeas máis antigas.

Desde Ferrol e A Coruña, o Camiño Inglés reivindícase como unha experiencia de menor duración, rica en historia, paisaxe e vocación de paz.

O presidente de honra da Asociación dos Concellos do Camiño Inglés e senador pola provincia da Coruña, Manuel Mirás Franqueira, desenvolveu unha intensa actividade de difusión do Camiño Inglés en distintas cidades da Arxentina, entre elas Córdoba e Bos Aires, co obxectivo de dar a coñecer internacionalmente esta histórica vía xacobea e reforzar os lazos culturais e institucionais arredor do Camiño de Santiago.

Un dos actos centrais tivo lugar o pasado 22 de xaneiro no Centro Betanzos de Bos Aires, nunha xornada marcada pola elevada concorrencia de público, que confirmou o interese crecente polo Camiño Inglés. A presentación contou tamén coa participación da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Buenos Aires e de Uruguai, estes últimos por videoconferencia, o que puxo de manifesto a dimensión internacional do encontro.

Durante a súa intervención, Manuel Mirás fixo un percorrido pola historia do Camiño Inglés, apoiándose en documentación e material gráfico, subliñando que se trata, con toda probabilidade, da “vía de peregrinación máis antiga á tumba do Apóstolo Santiago”. Lembrou que durante a Idade Media os peregrinos procedentes de Gran Bretaña, Irlanda, os países bálticos, Finlandia, Islandia, parte de Alemaña e dos Países Baixos preferían afrontar unha travesía marítima de varias semanas antes que un percorrido terrestre de máis dun ano, chegando principalmente aos portos da Coruña e Ferrol para continuar desde alí a pé ata Compostela.

O presidente de honra da Asociación explicou tamén como, tras quedar relegado durante anos fronte a outras rutas xacobeas, o Camiño Inglés foi recuperado grazas ao “impulso conxunto de varios concellos polos que discorre historicamente”. Froito dese traballo naceu a Asociación dos Concellos do Camiño Inglés, coa finalidade de “devolverlle a esta vía o lugar que lle corresponde no conxunto do fenómeno xacobeo, hoxe de dimensión claramente internacional”.
Na súa exposición insistiu na “necesidade de diversificar as rutas” e animou expresamente aos peregrinos a iniciar o Camiño “desde Ferrol ou desde A Coruña”, como alternativa ao itinerario máis curto e masificado desde Sarria, destacando que o Camiño Inglés ofrece unha experiencia intensa, de menor duración en días, pero rica en paisaxe, patrimonio e contido histórico.
A actividade de difusión do Camiño Inglés esténdese tamén a nivel internacional, especialmente en Inglaterra e Irlanda, cun traballo continuado con autoridades civís, entidades culturais e educativas, e cunha clara vocación de promover o Camiño como espazo de encontro, superación de diferenzas e camiño cara á paz. Esta visión foi compartida nas presentacións realizadas na Arxentina, onde tamén se deu conta das iniciativas educativas, culturais e editoriais que acompañan a posta en valor desta ruta xacobea.
No marco da súa visita á cidade de Córdoba, Manuel Mirás mantivo ademais reunións institucionais coas máximas autoridades da provincia, a petición destas, nas que se abordaron posibles vías de colaboración cultural e turística vinculadas ao Camiño de Santiago e, en particular, ao Camiño Inglés.
A Asociación dos Concellos do Camiño Inglés continúa así coa súa tarefa de proxección exterior dunha ruta que forma parte esencial da historia xacobea e que aspira a consolidarse como unha alternativa de calidade, con servizos certificados e unha identidade propia, para os peregrinos de todo o mundo que desexan achegarse a Santiago seguindo unha vía histórica cargada de simbolismo.

Publicacións Relacionadas