O programa inclúe unha xornada técnica sobre o Camiño da Ría de Muros Noia, visitarán a vila noiesa e percorrerán un tramo do Camiño
A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS), unha entidade sen ánimo de lucro formada por peregrinos e especialistas de diferentes países que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño como elemento fundamental do patrimonio cultural europeo, celebrará a súa asemblea xeral de socios este sábado 31 de xaneiro no Casino de Noia. Un encontro no que se agarda a participación de socios chegados de España, Portugal, Estados Unidos e Hungría, entre outros.
Paralelamente, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia colaborará coa FICS na organización de distintas actividades abertas á participación de toda a veciñanza. O tesoureiro da Asociación e alcalde de Noia, Francisco Pérez, será o encargado de dar a benvida aos socios da fraternidade, aos que presentará o certificado “Portus Apostoli” para peregrinos ás 12:00 horas no Casino de Noia.
Quince minutos despois terá lugar a conferencia “Camino Muros Noia a Santiago”, da man de Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago. Pombo, autor da primeira guía desta ruta xacobea, porá en valor que o Camiño da Ría de Muros Noia é un camiño cun perfil suave, con fermosas paisaxes mariñeiras e rurais, ideal para quen busca unha experiencia xacobea auténtica, tranquila e sen aglomeracións. Ás 13:00 horas celebrarse unha mesa redonda sobre o presente e futuro do Camiño da Ría de Muros Noia moderado por Luís Menéndez, xornalista, peregrino e socio fundador da FICS.
Visita a Noia
Como non podía ser doutro xeito, a expedición terá tempo para comprobar sobre o terreo todo o comentado nestas conferencias. Así, ás 17:00 horas do sábado 31 de xaneiro terá lugar unha visita guiada á vila de Noia, o Portus Apostoli compostelán e cun casco histórico moi ben conservado. Ademais, a expedición achegarase a coñecer as instalacións do albergue de peregrinos da Chaínza, que se agarda que pode comezar a prestar servizo ao longo de 2026.
Ás 21 horas, os membros da FICS participarán nunha cea ofrecida pola Ría da Estrela.
Finalmente, o domingo 1 de febreiro terá lugar unha marcha-paseo por un tramo do Camiño da Ría de Muros Noia aínda por determinar, dependendo do estado das alertas que se sucedan cara ao fin de semana a causa dos temporais que estamos a sufrir.
A visita da FICS é un novo respaldo ao Camiño da Ría de Muros Noia, que se suma ao xa expresado por partida dobre pola Academia Xacobea, nos anos 2023 e 2025. A FICS é unha entidade con máis de 30 anos que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño e garantir a súa conservación e transmisión nas mellores condicións a futuras xeracións. Reúne a peregrinos e especialistas de diferentes países que comparten coñecementos e esforzos para impulsar un proxecto solidario e fraterno que protexa o Camiño e o seu patrimonio. Na actualidade xestionan tres albergues: Nájera (A Rioxa), Canfranc (Huesca) e Grado (Asturias).



