O Concello investiu máis de 40.000 euros nas actividades extraescolares municipais gratuítas, nas que participan máis de 240 nenos e nenas
Xa está habilitada na web municipal unha enquisa para que as familias poidan facer valoración das actividades
Cando remata a xornada lectiva, en Tomiño pechan as aulas nin se apaga a curiosidade. As tardes énchense de creatividade, experimentación e aprendizaxe grazas ao programa municipal de actividades extraescolares, no que o Concello investiu este curso máis de 40.000 euros para achegar aos centros educativos unha oferta educativa de balde, diversa e de calidade.
Ao longo deste curso 2025/2026 son máis de 240 os rapaces e rapazas de infantil, primaria e secundaria que participan nestas propostas pensadas para complementar a formación académica, estimular novas habilidades e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. A programación inclúe actividades adaptadas a cada etapa educativa, como ART-Terra en educación infantil; cociña, robótica con Lego e ART-Terra en primaria; e inglés para alumnado de ESO e Bacharelato.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que esta aposta “demostra a vontade do Concello de estar ao lado das familias e do alumnado, ampliando o concepto de educación máis alá do horario lectivo e garantindo igualdade de oportunidades para todas e todos”. A rexedora destacou tamén que “investir en educación é investir no futuro do noso municipio, fomentando a creatividade, a curiosidade e o pensamento crítico desde idades temperás”.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Cristina Martínez, puxo en valor a boa acollida un ano máis das extraescolares e a participación crecente ano tras ano. “As actividades están deseñadas con criterios educativos e pedagóxicos, pero tamén pensando no goce da rapazada e no apoio real ás familias. Esa combinación é a clave do seu éxito”, explicou.
Co obxectivo de seguir mellorando o servizo, o Concello vén de habilitar na súa web municipal unha enquisa de valoración dirixida ás familias participantes. A través deste formulario poderán achegar a súa opinión sobre as actividades, valorar se a rapazada desfruta delas e se contribúen de maneira efectiva á conciliación, permitindo así adaptar e mellorar a oferta en vindeiras edicións.
Con este programa, o Concello de Tomiño reafirma a súa aposta por unha educación pública de calidade, accesible e integradora, na que aprender, convivir e medrar van da man dentro e fóra das aulas.



