HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis traza a súa folla de ruta...

O concello de Caldas de Reis traza a súa folla de ruta para dar cumprimento ás demandas e peticións recollidas nas reunións veciñais

- Anuncio -spot_img

Jacobo Pérez garante que continuarán os grandes investimentos para ampliar e mellorar os servizos básicos e adianta a proxección de dúas areas de lecer de referencia por parrquia, “ben mantidas e pensadas para perdurar no futuro”

O alcalde ten claro que “avanzamos na dirección correcta, pero sabemos que queda camiño por percorrer”

Logo de atender en primeira persoa a preto de 200 veciños e veciñas nas reunións celebradas ao longo do mes de xaneiro en todas as parroquias do rural, o alcalde, Jacobo Pérez, ten clara a folla de ruta a seguir á hora de poder dar resposta ás demandas trasladadas pola cidadanía. Unha das prioridades continuará sendo a execución de traballos para a mellora e a ampliación de servizos básicos, como é o saneamento. Neste sentido, tal e como trasladou o propio rexidor á xente que asistiu a estes encontros, os últimos investimentos máis elevados levados a cabo por parte do Concello foron neste ámbito. “Aínda queda moito por facer, pero tamén é xusto aclarar que este Goberno local cumpre con feitos e non só con palabras”, puntualiza Pérez Gulín.

Unha das necesidades detectadas polo equipo de Goberno é a necesidade de darlle un novo xiro á xestión de espazos públicos no
rural, poñendo especialmente o foco nos parques infantís. “Precisamos dun programa de construción deste tipo de áreas de lecer no rural, cumprinedo en todo momento coa normativa vixente, que xa non permite executar parques en todos os lugares sen que despois acaben nun estado de abandono, como xa ten sucedido no pasado”, explica o alcalde. Deste xeito, o Goberno local proxectará a dotación de dous espazos de lecer de referencia en cada parroquia, “cun bo mantemento e pensados para perdurar no tempo”, seguindo a liña de actuación que se levou a cabo á hora de facer realidade proxectos similares, como o Parque do Maior ou as pistas polideportivas da Tafona.

Por outra banda, Jacobo Pérez destacou tamén o compromiso acadado ante a veciñanza para analizar as razóns polas cales non se levaron a cabo proxectos e actuacións prometidas hai anos. “Xa estamos a estudar esas demandas e, no caso de que sexan viables, darémoslles toda a urxencia posible”, afirmou. Ademais, naqueles casos que non sexa posible facelas realidade, será o propio alcalde en persoa quen explica a cada veciño ou veciña as razóns correspondentes. Por último, Pérez Gulín volveu poñer en valor o compromiso do Goberno local para continuar facendo do rural caldense un lugar que sexa sinónimo de calidade de vida. “Estamos avanzando, pero sabemos que aínda queda camiño por percorrer. Imos na dirección correcta e agardamos que se nos xulgue polos feitos que levamos cumpridos desde que chegamos á Alcaldía”, concluíu, ao tempo que confirmou que este tipo de reunións, pensadas para facilitar a interacción directa con aquelas persoas que non poden desprazarse ata o Consistorio, continúen no futuro.

Publicacións Relacionadas