HomeA CoruñaA Coruña disporá este ano dun orzamento de 375 millóns de euros,...

A Coruña disporá este ano dun orzamento de 375 millóns de euros, con máis fondos para garantir o escudo social e os investimentos nos barrios

- Anuncio -spot_img

Este xoves, o pleno aprobou definitivamente as contas deste exercicio, que incrementan a partida de protección social en dez millóns con respecto ao 2025

En paralelo, o Goberno de Inés Rey dará continuidade ao Plan de Barrios, reforzará as medidas en materia de vivenda e dará un novo pulo a proxectos estratéxicos como a Cidade das TIC e Coruña Marítima

Neste ano 2026, a cidade da Coruña contará cun orzamento de 375 millóns de euros, contas que permitirán ao Concello dar continuidade ao
plan de reforzo dos servizos públicos e, en paralelo, avanzar na execución das actuacións incluídas na primeira fase do Plan de Barrios 2025-27.

Esta mañá, o pleno ratificou as contas deste exercicio —aprobadas inicialmente o pasado mes de decembro— cos votos a favor do Goberno local e do grupo municipal do BNG.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor o “carácter expansivo” destes orzamentos, os segundos máis elevados na historia da Coruña e que, ademais, contemplan un investimento para Protección e Promoción Social superior aos 42 millóns de euros. Isto é, dez millóns máis que o ano pasado.

As liñas estratéxicas dos orzamentos municipais pasan por “reforzar a dinamización económica, as políticas de benestar e protección social, a mobilidade sostible, a política de atención ás persoas menos favorecidas, accións de proximidade e a mellora dos investimentos nos barrios”, dixo Lage.

Neste sentido, e tras o prazo de exposición pública do orzamento xeral deste ano —aberto entre os días 2 e 23 de xaneiro deste ano—, foron catro as alegacións admitidas parcialmente con vistas á aprobación definitiva dos orzamentos, que cobran forma nas contas finais cun incremento das axudas destinadas a entidades por medio dos convenios nominativos. Lage cifrou en máis de 250 as asociacións sociais, culturais e deportivas que apoia o Concello a través desta vía.

58 millóns de euros en investimentos nos barrios, eixo clave das contas do 2026

Dar resposta ás demandas veciñais nos dez distritos da cidade será unha prioridade clave para o Goberno de Inés Rey, que xa viña traballando nesta liña anteriormente e que, co obxectivo de expor en cada barrio o plan de acción do Concello, puxo en marcha no 2025 unha iniciativa pioneira na historia da cidade: o Plan de Barrios.

Sustentado sobre unha primeira fase ata o 2027, o plantexamento previsto é que para cada distrito haxa unha folla de ruta que inclúa actuacións de mellora a curto, medio e longo prazo, tanto nos espazos públicos como nos equipamentos municipais.

A este respecto, a previsión do Concello é que os investimentos nos barrios neste 2026 sexan de 58 millóns de euros, que inclúen partidas para a posta en marcha do Plan de Parques Infantís —que xa vislumbra actuacións inminentes como o primeiro parque infantil cuberto a carón da escola infantil do Ventorrillo—, a creación de novas pistas multideporte en puntos da cidade que carecen destas infraestruturas  como Lonzas e a contorna da Cubela— e tamén máis intervencións de humanización como a continuación da Rolda Peonil en dirección ao barrio da Agra, con novos avances visibles xa na Sagrada Familia.

Máis vivenda pública e máis fondos para a EMVSA

A vivenda ocupa un lugar central nos orzamentos municipais da Coruña neste 2026. “O Concello está a activar todas as ferramentas e mecanismos que ten á súa disposición para mitigar un problema que vai máis alá da nosa cidade e do conxunto do país. É un problema global, e é preciso seguir facéndolle fronte desde todas as administracións, xuntas. Os datos de investimento de quen o tiña que ter feito son, por desgraza, raquíticos, cunha Xunta que en 15 anos non fixo máis que 40 pisos nunha cidade cunha demanda superior aos 3.000”, indicou Lage. “Nós xa estamos a traballar na construción de vivenda pública, e destinaremos máis de 4,5 millóns aos traballos que temos en marcha en Xuxán”, agregou. Ademais, o Concello ten previsto reforzar EMVSA e darlle novas encomendas de xestión de bolsa de vivenda, para que a empresa municipal xestione desde o ano que vén 500 vivendas públicas, número que seguirá a crecer. A dotación para ese fin é de 1,5 millóns de euros.

Tamén se reforzará o servizo de Urbanismo para avanzar na regularización das VUT no termo municipal, e, ademais, incrementaranse os fondos destinados a accesibilidade e rehabilitación.

O Concello, comprometido para facer avanzar o Novo CHUAC e a Cidade das TIC

Nas contas municipais do 2026 figuran tamén as achegas comprometidas polo Concello ao abeiro de proxectos interadministrativos como a construción da estación intermodal, o Novo CHUAC e o desenvolvemento da Cidade das TIC, que contan con importantes aportacións das arcas municipais en virtude dos acordos plurianuais asinados.

Lage Tuñas subliñou precisamente “a implicación do Concello para avanzar na consecución destes proxectos”, fundamentais para o futuro da cidade en materia sanitaria, de mobilidade e tamén de innovación e dinamización empresarial. Neste sentido, o voceiro do Goberno municipal reclamou tamén un compromiso semellante por parte de administracións como a Xunta, atendendo ás demoras xa patentes na renovación do complexo hospitalario coruñés.

Publicacións Relacionadas