HomePontevedraO CondadoA Feira de Oportunidades protagonista na última mesa de comercio local do...

A Feira de Oportunidades protagonista na última mesa de comercio local do Concello de Ponteareas

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas celebrou hoxe unha nova sesión da Mesa de Comercio Local, un espazo de traballo e diálogo no que Concello e tecido comercial colaboran de xeito coordinado para promover iniciativas adaptadas ás necesidades reais do sector e da veciñanza.

Traballar en colaboración co comercio local é indispensable para impulsar actividades a medida que dean resposta tanto ás demandas do tecido comercial como das persoas consumidoras. Con este obxectivo, a Concellería de Comercio, que dirixe Ricardo González, organiza ao longo do ano distintas mesas de comercio local que permiten poñer en común ideas, analizar propostas e planificar accións conxuntas.

Na reunión celebrada na mañá de hoxe abordáronse diversas iniciativas, entre elas a Feira de Oportunidades, que terá lugar o vindeiro 29 de febreiro e para a que xa se está a traballar de maneira coordinada entre o Concello e o sector comercial.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, participou tamén nesta mesa de traballo e salientou a importancia de celebrar estas reunións de forma periódica ao longo de todo o ano. A rexedora puxo en valor o traballo en rede que se está a realizar, no que se implican distintos sectores, cunha estratexia común orientada a devolver a vida ás rúas e a dinamizar económica e socialmente Ponteareas.

Desde o Concello reafírmase así o compromiso cun comercio local forte, activo e protagonista do desenvolvemento do municipio.

Publicacións Relacionadas