HomeXunta de GaliciaA Xunta salienta en Verín o labor de dinamización comercial de Aever...

A Xunta salienta en Verín o labor de dinamización comercial de Aever e anuncia a nova orde de 2,5 M€ para reforzar o papel dos centros comerciales abertos

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro puxo en valor o apoio autonómico ao traballo da entidade e a súa intensa programación de campañas e actividades, recoñecendo a traxectoria do equipo saínte e traslando o seu respaldo á nova directiva encabezada por Esther Gómez Pato
  • Destacou que a nova orde de apoio ás asociacións de comerciantes, que se publicará en febreiro, consolidará as melloras introducidas o pasado ano, poñendo o acento na calidade e con achegas extraordinarias ás entidades mellor valoradas
  • Na visita á tenda-taller Coser e Cantar e ao comercio Frutas Carola, salientou ambos establecementos adheridos a AEVER como exemplos da diversidade e calidade do comercio de proximidade, clave na xeración de emprego e na vitalidade do tecido local
  • Así mesmo, subliñou que no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 se insiren outras liñas de apoio fundamentais para o sector, como as axudas para o impulso das prazas de abastos, cuxa nova convocatoria se abre este vindeiro luns

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo hoxe unha xuntanza coa nova directiva do Centro Comercial Urbano AEVER de Verín —na que tamén participou o equipo saínte—, entidade que representa, segundo sinalou, o papel fundamental que xogan os centros comerciais abertos na dinamización económica e social das vilas e cidades galegas. Tras o encontro, o conselleiro visitou dous establecementos adheridos á asociación: a tenda-taller Coser e Cantar, especializada en bordados, encaixes e costura tradicional, e o comercio de alimentación Frutas Carola como exemplos, indicou, da diversidade, calidade e riqueza do comercio de proximidade, un sector clave para a xeración de emprego e para a vitalidade do tecido económico local.

José González reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso ao labor das asociacións de comerciantes, como o que desenvolve AEVER, e avanzou que no mes de febreiro se publicará unha nova orde de axudas á dinamización, dotada con 2,5 millóns de euros. A iniciativa consolidará as melloras incorporadas o pasado ano, poñendo o aceno na calidade e excelencia das propostas presentadas e prevendo achegas extraordinarias para aquelas entidades mellor valoradas, co obxectivo de reforzar o seu impacto na actividade económica e social do territorio.

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o traballo continuado de AEVER apoiado polo Goberno galego, salientando a súa intensa programación anual de campañas e actividades, como as accións de Nadal, a festa do Lázaro, rebaixas ou desfiles de moda, así como as accións formativas e os servizos dirixidos aos seus asociados. Así mesmo, recoñeceu a traxectoria da directiva saínte, con Santos Álvarez como presidente e José Ángel Rodicio como xerente, e trasladou os seus mellores desexos ao novo equipo encabezado por Esther Gómez Pato, que compaxina a súa actividade á fronte dun negocio con varias xeracións de historia —Pato Joyeros— coa responsabilidade de liderar esta entidade.

Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Os centros comerciais abertos constitúen unha peza clave do ecosistema comercial galego, unha realidade que a Xunta impulsa a través do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 M€ e que tamén contempla no seu paquete de medidas un plan de formación continua para xerentes destas entidades. Nesta planificación tamén se insiren outras liñas de apoio fundamentais para o sector, como as axudas destinadas a fomentar a innovación, a modernización e a sustentabilidade do comercio local e artesanal, dotadas con preto de 4 millóns de euros en 2026, das que o pasado ano se beneficiaron 65 negocios da provincia de Ourense.

No ámbito dos mercados de abastos, o conselleiro lembrou que o vindeiro luns 2 abrirá unha nova convocatoria de axudas destinada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia, así como a impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes. Esta liña de apoio conta cun orzamento de preto de 2,3 millóns de euros. En paralelo, recordou que vén de publicarse a orde que actualiza e simplifica os trámites para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente, co obxectivo de acadar 25 prazas certificadas no ano 2030.

Publicacións Relacionadas