A proxección terá lugar o sábado ás 18h na Igrexa de Limodre, e incluirá un recoñecemento ás persoas protagonistas
A alcaldesa destaca o valor da peza como legado audiovisual para a parroquia e as futuras xeracións
O Concello de Fene e a Asociación Veciñal de Limodre organizan este sábado, 31 de xaneiro, ás 18.00 horas na Igrexa de Limodre, a estrea pública do documental “A Escola da Memoria”, unha obra que recupera a historia da antiga escola da parroquia a través das voces das persoas que foron alumnado entre 1932 e 2000, converténdose nun valioso legado audiovisual para a comunidade.
O acto contará coa presenza das persoas protagonistas do filme, da directiva da AVV de Limodre, encargada da documentación, coordinación e guionización do proxecto, así como do director, Iago Varela, para quen esta produción supón o seu primeiro mediometraxe, tras diversas experiencias previas no ámbito da creación audiovisual.
Durante a sesión, as e os protagonistas recibirán un recoñecemento público en agradecemento pola súa participación e pola cesión de lembranzas, materiais e testemuños. O agasallo consistirá nunha lámina do pintor Bello Piñeiro, artista estreitamente vinculado á Sociedade de Instrucción Hijos de Limodre e á propia escola, e cuxos debuxos formaban parte da tradición da entidade como presente institucional cando acudían persoas relevantes a impartir charlas ou conferencias.
O documental constrúe un relato coral a partir de entrevistas, fotografías históricas e arquivos persoais achegados pola veciñanza, ofrecendo unha mirada profunda sobre a evolución educativa, social e cultural de Limodre ao longo de varias xeracións.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “A Escola da Memoria é unha peza imprescindible para preservar o legado da parroquia, porque reúne as voces do alumnado e profesoras que pasaron pola escola ao longo de case setenta anos, ata o seu peche”. Engadiu que “é unha homenaxe ás persoas que fixeron posible a transmisión do coñecemento, á comunidade educativa e á memoria colectiva de Limodre”.
Permuy quixo tamén salientar “o enorme traballo da Asociación Veciñal de Limodre na recuperación da historia local e a sensibilidade de Iago Varela á hora de converter esas lembranzas nun documento audiovisual que permanecerá para as futuras xeracións”.
A estrea enmárcase dentro das actividades conmemorativas do centenario da Sociedade Hijos de Limodre, reforzando a aposta do Concello pola memoria histórica, o patrimonio inmaterial e a transmisión interxeracional da identidade local.



