HomeA CoruñaO Concello de Lousame establece o 18 de marzo como “Día Zernadas...

O Concello de Lousame establece o 18 de marzo como “Día Zernadas de Castro”, que será festivo local a partir de 2027

- Anuncio -spot_img

Todos os grupos municipais acordaron traballar conxuntamente e coa participación da Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme para postular a candidatura do Cura de Fruíme como homenaxeado nas Letras Galegas de 2027 co gallo dos 250 anos do seu pasamento

O pleno de Lousame aprobou onte por unanimidade establecer de forma institucional como “Día de Zernadas de Castro” o 18 de marzo, data do nacemento do cura de Fruíme, e como primeira iniciativa dentro da programación deseñada para a promoción da candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027 co gallo do 250 anos do seu pasamento. Unha proposta á que deu lectura a presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, Ermitas Lorenzo, en recoñecemento ao traballo realizado por esta entidade nas últimas décadas en favor da figura do Cura de Fruíme.

A maiores, o alcalde de Lousame, Esteban García Ares, comprometeuse a que o 18 de marzo será festivo local no municipio a partir do ano 2027, toda vez que os festivos deste ano xa están fixados e aprobados. Un anuncio que se oficializará nunha sesión plenaria extraordinaria que terá lugar a próxima semana para aprobar os proxectos do Plan Único e que incluirá tamén a aprobación oficial do 18 de marzo como festivo local en Lousame.

Diante dun salón de plenos ateigado de integrantes da asociación, Ermitas Lorenzo deu lectura á proposta da Alcaldía na que se facía referencia a que “o ano 2027 é unha nova oportunidade para reivindicar a figura do Cura de Fruíme, a referencia cultural máis representativa de Lousame”. Neste sentido, fixo fincapé en que “Zernadas foi o primeiro precursor do galeguismo, dous anos antes de Rosalía xa el escribía os seus versos na defensa de Galicia e nunha época tan convulsa como os Séculos Escuros, loitou pola dignificación de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. A súa palabra alzouse sempre contra os menosprezos e inxustizas que aldraxaban a nosa terra nun tempo de silencios”.

Unha valía que foi respaldada por escritores, xornalistas e historiadores de todas as épocas: Neira de Mosquera, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Murguía, Xosé Lois García, Xosé Manuel Rivas Troitiño, Xulio Pardo de Neyra, Xosé A. Fernández Salgado, Rita Peinado, Xosé Pumar Gándara… Así mesmo, lembrouse que o Concello de Lousame xa propuxo esta candidatura no ano 1993 e o Club de Xornalistas Galegos en Madrid fixo o propio en 2002. Dende entón, o Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Zernadas de Castro, leva traballando e poñendo en valor a vida e obra de Zernadas de Castro: colocación dun busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas…

Comisión de seguimento

A maiores, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG para a creación dunha comisión de seguimento do programa de actividades para a promoción da candidatura de Zernadas de Castro, que se reunirá mensualmente, ao aceptarse a emmenda proposta polo grupo de Goberno tras acordar os tres grupos que cada dúas semanas non era operativo.

Esteban García explicou que “non temos intención de deixar a ninguén de lado, a corporación ten que estar unida se queremos conseguir algo”, ao tempo que confirmou que contarán coa colaboración da Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, aos que reiterou as súas desculpas por non telos convidado a asistir á reunión que a súa predecesora no cargo mantivo en 2025 co novo presidente da Real Academia Galega.

Resto da sesión

A unanimidade repetiuse á hora da aprobación da dedicación do 99.763,59 euros do POS+Adicicional 3/2026 á redución da débeda contraída polo PAI 2015-16 e o Plan Único de 2017-2023. Tamén houbo unanimidade na aprobación da nova ordenanza de réxime interno do Punto de Atención á Infancia, así como na derogación da anterior, datada de setembro de 2020.

Así mesmo aprobouse un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 176.754 euros como entrega en conta á Mancomunidade Serra do Barbanza polas liquidacións presentadas de acordo co 3º e 4º cuadrimestre de 2025. Este REC 1/2026 foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE, xa que o BNG xustificou a súa abstención en manter a mesma postura ca na Asemblea Xeral da Mancomunidade. Neste sentido, Esteban Ares explicou que “compartimos o criterio de que non están ben fixadas as cantidades e por iso tamén me abstiven nesa asemblea e as temos recorridas en vía administrativa”.
Asignacións a grupos políticos

A mesma votación repetiuse na desaparición das asignacións aos grupos políticos municipais. Ao entrar en vigor o Orzamento de 2026, o Pleno tivo que deixar sen efecto o acordo do 12 de xullo de 2023 no que se establecían as asignacións aos grupos políticos municipais, xa que estas dedicaranse integramente a financiar o novo Programa de Fomento da Natalidade no Concello de Lousame. Ademais, o alcalde explicou que “esta partida medrará nos próximos anos xa que haberá máis actividades e irán incorporándose máis familias”. Na votación, o BNG optou pola abstención e non fixo uso da palabra; mentres que o PSOE cambiou a súa abstención inicial por un voto a favor tras confirmar que os cartos das asignacións non serían dedicados a outros fins.

Publicacións Relacionadas