• O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, recibiu ao Xerente da área Sanitaria da Coruña e Cee, #Luis Verde, e a dous técnicos da Consellería de Sanidade.
• As humidades, a sensación térmica no interior do edificio e o cambio de vendas, foron os principais puntos a tratar.
O Concello de Carral continúa mantendo reunións coa Consellería de Sanidade para avanzar no proxecto de construción dun novo Centro de Saúde no municipio. Neste contexto, o alcalde, #José Luis Fernández Mouriño, recibiu esta semana ao xerente da área Sanitaria da Coruña e Cee, #Luis Verde, acompañado de dous técnicos da Consellería, co obxectivo de coñecer de primeira man o estado actual das instalacións sanitarias.
Durante o encontro analizáronse as principais problemáticas que presenta o actual centro de saúde, entre as que destacan as humidades, a sensación térmica no interior do edificio e o estado das xanelas. Posteriormente, o xerente e os técnicos realizaron unha inspección do inmoble, na que tomaron nota dos danos detectados.
As humidades constitúen un dos principais danos do edificio, xa que en épocas de mal tempo e choivas prodúcense filtracións de auga de maneira continuada. Outra das cuestións abordadas foi a sensación térmica no interior, que os expertos puideron comprobar directamente durante a visita. A deterioración do revestimento exterior provoca unha importante perda de calor, o que dificulta manter unha temperatura adecuada no interior do centro. Entre as posibles solucións expostas figura a substitución das xanelas por outras con maior capacidade illante.
O alcalde agradeceu a implicación da Xunta de Galicia por atender “con tanta rapidez unha dás maiores demandas do Concello de Carral”, subliñando a importancia desta actuación ante o crecemento poboacional do municipio. “Carral está moi preto de chegar aos 7.000 habitantes, polo que é imprescindible contar con servizos de calidade para que a xente queira seguir tendo ou noso concello como a primeira opción para vivir”, sinalou Fernández Mouriño.



