Goretti Sanmartín confirma o éxito dos ‘encontros coa alcaldesa’, con máis de 100 peticións recibidas no primeiro día e 30 persoas xa citadas para o mes de febreiro
A alcaldesa amosa a disposición do Concello a colaborar coa Axencia Galega de Innovación para presentar a candidatura de Santiago a Capital Europea da Ciencia
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou de que a Axencia Galega de Innovación (Gain) se dirixiu ao Concello para propoñer a candidatura de Santiago para que sexa nomeada Capital Europea da Ciencia 2028, un reto ante o que expresou esa súa “absoluta disposición e implicación”.
A rexedora valorou como “unha noticia moi positiva” que a Axencia Galega de Innovación se dirixira ao Concello para propoñer esta candidatura e considerou que “supón cousas moi importantes, que é ser exemplo de como se achega a ciencia á vida cotiá”. “Nós cremos firmemente que temos unha moi boa posición para obter esa distinción”, afirmou.
Goretti Sanmartín apuntou o relevante labor investigador da USC e a súa rede de centros singulares. Entre eles, citou o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), ambos os dous recoñecidos co selo de excelencia María de Maeztu. Engadiu que “non é unha casualidade que en Compostela desenvolva a súa actividade unha persoa que é unha eminencia en medicina xenómica, como é Ángel Carracedo; ou que aquí se estean desenvolvendo proxectos que que relacionan de maneira directa biotecnoloxía e emprendemento empresarial como é o Biopolo, que teñamos unha facultade de Medicina que é das mellores sen ningunha dúbida do mundo, e que sexamos un referente no ámbito sanitario”. Engadiu tamén o Centro de Supercomputación, o Instituto de Ciencias do Patrimonio e o desenvolvemento de programas divulgativos como Conciencia, que establece pontes entre Compostela e figuras de relevancia científica mundial.
Sanmartín celebrou e agradeceu a iniciativa da Axencia Galega de Innovación para “recibir este recoñecemento que se pode converter nunha plataforma importante de dinamización económica e de captación de talento”.
Encontros coa alcaldesa
Por outra banda, a alcaldesa deu conta da boa acollida que están a ter os encontros que a partir da próxima semana farán posible que persoas a nivel individual poidan ser recibidas directamente na Alcaldía.
Despois de activarse o formulario de solicitude destas reunións o pasado luns, ao día seguinte xa se superaron as 100 solicitudes. “Temos citadas as primeiras 30 persoas seguindo a orde de entrada dos pedimentos”, concretou, e informou de que, completado o tempo que inicialmente estaba reservado para este fin, ampliouse o horario para atender o máximo de persoas posibles.
Os encontros son os primeiros e terceiros xoves de cada mes. Os primeiros terán lugar a próxima semana os días 5 (de 11.30 a 14.30 horas) e 19 de febreiro (en horario de mañá a partir das 11.30 e tamén pola tarde de 17.00 a 19.00 horas).
Suspensión do prazo de ofertas do concurso do transporte urbano
A rexedora fixo tamén referencia aos recursos especiais presentados ante Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL) sobre o concurso para a prestación do servizo de transporte urbano do Concello de Santiago.
“Como é habitual neste tipo de recursos, o Tribunal ditou unha medida cautelar de suspensión do procedemento, que significa que non se pode completar até que non se resolvan as cuestións alegadas”, explicou Sanmartín; e engadiu que, segundo a Lei de contratos do sector público, o alcance desta suspensión non afecta ao prazo de presentación de ofertas, mais cabe que o órgano de contratación, neste caso a Xunta de Goberno, tome outra decisión.
Así, a alcaldesa avanzou: “De maneira prudente, tomamos a decisión de suspender o prazo de presentación de ofertas (que remataría o 9 de febreiro) até que o TACGAL se pronuncie e, chegado ese momento, ver de amplialo de maneira razoable. Para que? Para garantir a transparencia e a igualdade entre todas as posibles empresas que poidan estar interesadas”. A decisión formal levarase o luns á Xunta de Goberno.
Durante ese tempo, os servizos técnicos responderán as preguntas formuladas polas empresas concursantes na Plataforma de Contratación en paralelo á resolución dos recursos por parte do TACGAL.
Unha vez resoltas e aclaradas as cuestións suscitadas, haberá un novo prazo que lles permitirá ás empresas xa presentadas ou interesadas en xeral tomar as decisións que consideren sobre as súas ofertas.
Goretti Sanmartín indicou que “a presentación de recursos en contratos desta envergadura é algo absolutamente habitual” e amosou a súa convicción de que se trata dun “expediente sólido” e agardou que “fóra de aclaracións puntuais, prospere en ben do interese público”.
Convocatoria da Comisión da Auga e implantación de Xema
Ademais, a alcaldesa informou de que o luns, 2 de febreiro, celebrarase unha nova reunión da Comisión Especial da Auga para continuar avanzando no modelo de xestión deste servizo municipal. “Xa chegou o momento de decidir para rematar cunha situación precaria que se prolonga demasiado tempo. Existen informes e forman parte da Comisión persoas técnicas de alta cualificación e responsabilidade. Hai, polo tanto, substancia abonda para acordar o modo de xestión que, na opinión do goberno ten que garantir o control público do servizo”, concluíu Sanmartín.
A rexedora fixo tamén valoración da implantación da nova ferramenta de contabilidade, denominada Xema, posta en marcha no Concello neste inicio de 2026. Agradeceu o traballo e esforzo de todo persoal municipal e celebrou que “axilizar e mellorar os procedementos”.
Informou de que está xa operando completamente Xema, aínda que faltan por incorporar algunhas operacións, debido ás tarefas de peche do exercicio 2025.
A alcaldesa sinalou que deste xeito se da cumprimento ao “obxectivo de mellorar a eficiencia, mellorar a xestión, mellorar en rapidez e axilidade”, á vez que se simplifica e se afonda da sistematización, o que considerou coma un “salto cualitativo na modernización do Concello de Santiago”.



