HomeO CondadoAs NevesAs fortes tormentas de xaneiro provocan importantes danos no alumeado público de...

As fortes tormentas de xaneiro provocan importantes danos no alumeado público de As Neves, cun custo de case 54.500€

- Anuncio -spot_img

O Concello de As Neves traballa para repoñer máis de 200 luminarias, ademais de cableado e cadros eléctricos danados polos temporais dos días 22 e 23

As fortes tormentas rexistradas no municipio de As Neves os pasados 22 e 23 de xaneiro provocaron numerosas avarías no alumeado público, causando importantes danos nas instalacións eléctricas municipais.

Como consecuencia destes episodios meteorolóxicos adversos, contabilizáronse máis de 200 lámpadas fundidas, así como liñas de cableado e varios cadros electrónicos queimados, o que xerou incidencias no servizo de iluminación en diferentes puntos e parroquias do Concello.

O Concello activou os traballos de reparación e reposición das luminarias e dos elementos afectados, co obxectivo de restablecer o servizo o antes posible e garantir a seguridade da veciñanza. Estas actuacións supoñen un investimento de case 54.500€.

As zonas do municipio que se viron afectadas son: Liñares – Tortoreos (zona da igrexa); Liñares – A Chan; Bruñeiras; As Neves – Estación; Estación – Estrada Principal; Guláns; Estación – Aldea; Lamela – Setados; As Neves – Praza; A Folga – Santiago de Ribarteme; Miranciños – Vide; Vide – Estrada PO-400; e Requeixo – Vide.

O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, detallou que “continuamos avaliando a situación e coordinando coa empresa encargada para subsanar os danos. O noso obxectivo é restablecer este servizo esencial no menor tempo posible para garantir a seguridade da veciñanza”, sinalou, engadindo que “sabemos que están a ser xornadas complicadas, agardamos que queden todas as incidencias resoltas o antes posible e quero agradecer aos veciños e veciñas a súa comprensión mentres se realizan as reparacións”.

Publicacións Relacionadas