A concelleira de Educación, Tamara Silva, o presidente de Antela Editorial, Xabier Domínguez, e o autor da obra ‘Pernascochas’ presentaron a actividade
A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición de “Encontros co autor”, unha iniciativa de fomento da lectura dirixida ao alumnado de quinto de Educación Primaria dos centros educativos da cidade.
O paraninfo do Liceo acolleu esta mañá a presentación da actividade, nun acto no que participaron Tamara Silva, concelleira de Educación; Xabier Domínguez, presidente de Antela Editorial; e Ramón D. Veiga, autor da obra ‘Pernascochas’.
O escritor manterá unha xeira de encontros literarios con arredor de 1.000 escolares da cidade. Nesta ocasión, a obra escollida é precisamente Pernascochas, novela infantil de Ramón D. Veiga gañadora do certame Jaime Solís Limeses (promovido por Avigal) e publicada pola firma ourensá Antela Editorial.
O Concello de Ourense agasallou a todo o alumnado participante cun exemplar da obra. Con este programa de animación á lectura, a Concellería de Educación reforza a súa aposta polo fomento da lectura e o apoio á creación local.



