HomeO MorrazoBueuA corporación municipal de Bueu mostra a súa unanimidade no pleno de...

A corporación municipal de Bueu mostra a súa unanimidade no pleno de febreiro

- Anuncio -spot_img
  • O pleno sacou adiante dúas mocións sobre a pesca, Correos, o parque de bombeiros, o Ano José Suárez ou o apoio á Illa de Ons

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 2 de febreiro, o pleno ordinario no que mostrou a súa unanimidade na maioría dos asuntos que formaban parte da orde do día. Tal foi o caso de dúas mocións presentadas polo PP e BNG e PSOE sobre a pesca, outras sobre o apoio ás demandas do persoal de Correos e do parque de bombeiros do Morrazo, unha declaración do 2026 como ‘Ano José Suárez’ ou a reclamación dos dereitos da veciñanza de Ons, entre outras.

A sesión comezou co debate arredor da moción en apoio ao sector da pesca presentada polo BNG. Segundo explicou Xosé Leal, voceiro do grupo, “moitas das cuestións xa foron abordadas nas reunións das confrarías co estado, pero cremos que é importante que a corporación mostre o seu apoio ao sector da pesca tradicional”. Na mesma liña se manifestou Elena Estévez, dende o PP, ao defender a moción do seu grupo a respecto do mesmo asunto. Neste caso, a edil manifestou que “nós votaremos a moción tal e como está porque aínda que recoñecemos que si que se está a facer un traballo, falta que se aprobe en Europa”. A colación desta moción, Isabel Quintás, dende o PSOE botoulle en cara aos populares xa que “tedes bastante hipocrisía, pois aprobades cousas en Europa que logo van en contra”. Ambas mocións contaron co voto favorable de toda a corporación.

Os grupos do goberno, BNG e PSOE, levaron ao pleno unha moción, que tamén se aprobou por unanimidade, para declarar o 2026 como “Ano José Suárez”, aproveitando a celebración que se fará polo Día das Artes Galegas que reivindicará a obra “dun fotógrafo que puxo en valor a nosa cultura mariñeira”, tal e como informou Xosé Leal. Así, dende o executivo convídase a toda a cidadanía a formar parte das actividades que se irán organizando arredor de Suárez.

O seguinte asunto foi unha moción do BNG e PSOE en apoio ás demandas do persoal de Correos, concretamente aos da Unidade de Reparto de Bueu, para contar con máis medios humanos, recursos materiais e medios técnicos necesarios para a prestación dos servizos postais en condicións da mellor calidade. Esta proposta vén despois de meses de mobilizacións e concentracións por parte do persoal nas que denuncian a precariedade na que se atopan con miles de paquetes sen repartir.

Tamén se mostrou o apoio para a mellora do servizo do Parque Comarcal Contraincendios, na que se recollen as denuncias dos traballadores desta instalación sita en Bueu e que no 2025 aumentou os días pechada debido á escaseza de persoal, poñendo en perigo que se poida actuar con rapidez ante unha emerxencia. Concretamente, a moción do BNG e PSOE acordou instar ao Consorcio Provincial de Bombeiros a que se garanta o servizo ás 24 horas os 365 días do ano no parque comarcal de bombeiros; solicitar ao Consorcio Provincial de Bombeiros que informe sobre as intencións de ampliación e mellora das actuais instalación;  e en caso de non teña prevista a ampliación das actuais instalacións, solicitar a reversión ao Concello de Bueu da superficie da parcela cedida que non está ocupada co fin para o que foi cedida.

As últimas dúas mocións foron presentadas por Daniel Chapela, concelleiro non adscrito da corporación municipal. A primeira facía referencia á creación de bonos comercio por parte da Deputación de Pontevedra cun orzamento de entre 4 e 7 millóns para os concellos de menos de 20.000 habitantes. A proposta saíu adiante co voto a favor do edil e as abstencións do BNG, PSOE e PP.

E, por último, a corporación tamén instou á Xunta de Galicia a convocar de urxencia a Mesa por Ons para dar resposta aos compromisos do pasado 2025, unha proposta que foi presentada polo edil non adscrito.

Publicacións Relacionadas