Xa está aberto o prazo de inscricións para as familias que teñan interese en acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharuís
O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que Caldas leva tres décadas colaborando nesta iniciativa e ten claro que “a implicación das familias é o vivo exemplo do espírito solidario e colaborativo que nos define como municipio”
Un ano máis, o Concello de Caldas de Reis participará neste 2026 nunha nova edición do programa Vacacións en Paz, a través do cal se facilita o acollemento temporal, durante os meses de xullo de agosto, de nenos e nenas saharauís de diferentes idades. A Administración local caldense leva preto de tres décadas formando parte desta iniciativa, que está promovida polo Goberno da República Árabe Saharauí Democrática e xestionada en Galicia pola Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí (AGASP).
As familias interesadas en acoller aos cativos e cativas xa poden presentar as súas solicitudes. O Concello recorda que o prazo de inscrición ficará aberto ata o vindeiro sábado 28 de febreiro. As peticións, así como a xestión de calquera dúbida, pode facerse enviando un correo electrónico á dirección asociacionsogaps@yahoo.es ou enviando unha mensaxe vía WhatsApp ao 678727382. Tamén está operativo o teléfono 986262637 en horario de mañá. No caso de Caldas de Reis, na edición de 2025 chegaron á vila, da man deste programa, catro nenas e dous nenos. O alcalde, Jacobo Pérez, recorda que “tradicionalmente varias familias do concello amosaron sempre moito interese en participar nesta proposta. Todas son un exemplo do espírito solidario e colaborativo que nos define como vila”, asegurou o rexedor.
Os obxectivos que se buscan cumprir con este programa solidario son facilitar asistencia médica e sanitaria a estas crianzas, garantirlles unha alimentación sostible, axudalos a poder evitar as extremas condicións meteorolóxicas que se viven no Sáhara durante os meses de xullo e agosto (con temperaturas de ata 50 graos á sombra), axudalos na aprendizaxe de idiomas (galego e castelán) e sensibilizar á sociedade galega sobre a situación do pobo saharauí, na busca aínda dunha solución política e xusta á súa problemática. “Os nenos e nenas saharauís que chegan a Caldas de Reis cada verán viven unha experiencia moi positiva, na que as familias lles ofrecen unha cultura, un lecer e unha realidade moi diferentes ás que están afeitos, ao tempo que tamén se establecen lazos de amizade que perduran no tempo”, finaliza Jacobo Pérez.



