HomeOurenseOurenseO goberno preséntalles aos grupos politicos municipais o Plan de Dinamización da...

O goberno preséntalles aos grupos politicos municipais o Plan de Dinamización da área Rexurbe Ourense

- Anuncio -spot_img

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación aos grupos políticos municipais do Plan de Dinamización da área Rexurbe Ourense, nun acto no que participaron o concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, a concelleira Sonia Ogando, en representación do PP, Natalia González, do PSdeG-PSOE e Luis Seara, do BNG.

Francisco Lorenzo, acompañado de técnicos municipais responsables da Área de Urbanismo e Peri e de representantes da empresa contratada para redactar o documento, presentaron as liñas de traballo e proxectos que se propoñen desenvolver.

O plan foi elaborado tomando como base a proposta de actuación presentada para a declaración do ámbito, que recollía a delimitación, a normativa de aplicación e os indicadores de degradación arquitectónica, urbanística e ambiental, así como a análise dos indicadores de situación demográfica, problemas económicos e sociais no conxunto histórico e unha síntese dos problemas estruturais detectados.

O plan determina os obxectivos principais e secundarios e as liñas estratéxicas  e describe cada una das actuacións proxectadas asociada a súa liña estratéxica, xunto co cronograma e memoria de viabilidade precisos.

Trátase dun ambicioso plan, redactado de acordo coas directrices establecidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, que inclúe non só o arquitectónico e urbanístico senón tamén propostas no ámbito social e económico, cunha formulación apoiada na procura do aproveitamento máximo das axudas, mais coas cautelas que xorden do estudo da viabilidade.

As actuacións desenvólvense nas tres liñas estratéxicas de acción previstas na lexislación; ámbito arquitectónico, urbanístico ou ambiental, ámbito económico e ámbito social, cunha visión integral e integradora de todas elas.

Durante a exposición realizouse un breve repaso das accións propostas en cada un destes ámbitos.

  • No arquitectónico, urbanístico ou ambiental, a primeira das propostas é adaptar as ferramentas de xestión urbanística, coa revisión da actual normativa en vigor. Proponse a transformación da oficina do ARI en centro Rexurbe integrado nos servizos propios do Concello, a recuperación das edificacións con valor patrimonial para a mellora do tecido residencial e a creación de dotacións con propostas para a ampliación do edificio de Urbanismo ou o impulso da rehabilitación do edificio do antigo cárcere e o dos baños de Outeiro.

Tamén se formula a mellora ambiental e a renovación do espazo público e a infraestrutura insistindo na mellora da rede de saneamento do centro histórico, a introdución de infraestrutura verde no ámbito e a recuperación ambiental na contorna do río Barbaña.

  • En materia de accesibilidade universal e mellora da mobilidade, prevé actuacións de humanización e propostas para a accesibilidade vertical na rúa Coenga ou a mobilidade vertical no espazo público da contorna das Burgas, da rúa do Progreso e da Praza de Abastos.
  • O plan tamén inclúe propostas no ámbito económico e social como as axudas de fomento de establecemento de empresas e creación de emprego ou outras de mellora da vinculación do conxunto histórico coa cultura termal urbana, coa auga como conector ou propostas para aumentar a oferta de equipamentos de proximidade e potenciación dos existentes, entre outras.

O documento foi remitido no mes de xaneiro ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para que emita o informe preceptivo para a súa posterior aprobación por parte do Concello, segundo determina o artigo 60 da Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia

Publicacións Relacionadas