HomeA CoruñaSantiago escolle a proposta que definirá a paisaxe nocturna da contorna da...

Santiago escolle a proposta que definirá a paisaxe nocturna da contorna da Catedral as vindeiras décadas

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, afirmou que se trata dun “día chave para a nova definición da paisaxe nocturna do corazón de Santiago” e destacou o alto nivel das tres ideas finalistas: “Hermes”, “Shh… See the silence” e “Ad maiora semper”. A proposta vencedora darase a coñecer de xeito oficial a través da Plataforma de Contratación do Sector Público en datas vindeiras

O xurado internacional do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela reuniuse hoxe na cidade para avaliar os anteproxectos das tres propostas finalistas. Da reunión saíu seleccionada a proposta gañadora do certame, que asumirá a redacción do proxecto executivo e a dirección da obra piloto de iluminación da Praza de Praterías. A decisión será dada a coñecer, seguindo os criterios legais previstos para o concurso, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público en datas próximas.

Con esta decisión péchase un proceso estruturado en dúas fases, no que se avaliaron un total de 21 propostas nacionais e internacionais, co obxectivo de redefinir a paisaxe nocturna dun dos conxuntos patrimoniais máis singulares de Europa.

As persoas integrantes do xurado foron recibidas este martes pola Corporación municipal no Pazo de Raxoi. En declaracións aos medios, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, agradeceulles “o seu traballo, dedicación, exquisitez e delicadeza no tratamento das 21 propostas que chegaron e das tres seleccionadas como finalistas” e amosou a súa satisfacción por que “na sesión de hoxe acabarán decidindo a proposta que vai ser un proxecto piloto feito na prazas das Praterías para despois ter un modelo que homoxeneamente acabe completando o conxunto desa necesaria paisaxe nocturna do corazón de Santiago de Compostela”.

Na mesma liña, o arquitecto municipal Javier García Castelo destacou a alta calidade e o respecto ao patrimonio das propostas aspirantes e confiou nun acordo unánime para elixir a gañadora. En nome do xurado, Teresa Táboas, puxo o foco na transcendencia internacional deste certame no eido do urbanismo nocturno e asegurou que “será o punto de comezo de futuras intervencións noutros conxuntos arredor do mundo nos que Santiago vai estar aí como un faro iluminando”.

Alta calidade técnica e conceptual

Na fase final, o xurado analizou os anteproxectos presentados baixo os lemas “Hermes”, “Shh… See the silence” e “Ad maiora semper”, atendendo á súa estratexia lumínica, integración estética e patrimonial, viabilidade técnica e económica, eficiencia enerxética, control da contaminación lumínica e capacidade para construír unha iluminación emocional e acougada, que xere benestar e reforce a identidade da cidade histórica. Neste sentido, o xurado destacou a alta calidade técnica e elaboración conceptual das tres propostas finalistas e o seu aliñamento cos criterios do concurso.

A Catedral de Santiago e as prazas que a rodean —Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada— forman parte dun espazo urbano de valor universal excepcional, vinculado historicamente á luz a través da simboloxía da Vía Láctea. A proposta gañadora permitirá avanzar cara a unha nova paisaxe nocturna para a cidade histórica, coa Praza de Praterías como proxecto piloto, concibido como banco de probas para unha futura implantación progresiva no conxunto do ámbito catedralicio.

Un xurado internacional de prestixio

A avaliación das propostas correu a cargo dun xurado integrado por profesionais de prestixio internacional como o arquitecto británico David Chipperfield, premio Pritzker e Stirling; a arquitecta Teresa Táboas, vicepresidenta de Europa Occidental na Unión Internacional de Arquitectura (UIA); o experto en iluminación urbana Roger Narboni, fundador do estudo Concepto en París; a editora da revista Lightecture e embaixadora en España de Women in Lighting, Esther Torelló; e o catedrático Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, xunto con representantes das administracións convocantes.

No marco do PSTD

O Concurso Internacional de Iluminación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago (PSTD), promovido polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, cun investimento total de 3 millóns de euros para proxectos de transformación sostible.

Esta iniciativa constitúe unha das actuacións centrais do Plan e supón unha aposta pola innovación lumínica aplicada ao patrimonio, aliñada co desenvolvemento dun destino turístico sostible que mellore a experiencia dos visitantes e a calidade de vida da veciñanza. A asistencia técnica corre a cargo da empresa compostelá TRIVIUM, responsable da coordinación organizativa do concurso.

Publicacións Relacionadas