O xurado da vixésima edición do Premio Clara Campoamor acordou hoxe, por unanimidade, concederlle o galardón deste ano á empresaria e avogada ourensá Marisol Nóvoa Rodríguez. O recoñecemento, que ten carácter póstumo, destaca a súa figura como un “exemplo de compromiso, solvencia profesional e vocación de servizo público desde o tecido empresarial”. Na súa acta, o xurado salienta a súa contribución “decisiva á normalización da presenza feminina en órganos de dirección ocupados tradicionalmente por homes”.
A reunión tivo lugar este mediodía nas dependencias da Concellería de Igualdade, presidida pola concelleira Noa Rouco. O xurado completouse con Delfina Lage (Comisión de Seguimento das Violencias de Xénero), Judit Vega (Asociación Española Contra o Cancro, en representación do Consello Municipal da Igualdade), Ana Pérez (educadora do CIMM) e Elena Cid (funcionaria municipal), quen actuou como secretaria.
A decisión lembra que Marisol Nóvoa foi a primeira muller en presidir a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), “cargo que asumiu en 2019 e que marcou un precedente histórico no liderado empresarial provincial”. Tamén subliña que “aínda que a súa traxectoria non se desenvolveu desde o activismo feminista en sentido estrito, a achega de Marisol Nóvoa Rodríguez á igualdade de xénero resulta indiscutible desde unha perspectiva estrutural e simbólica, pola rotura do teito de cristal no liderado empresarial que supuxo, accedendo e consolidándose nun posto de máxima responsabilidade nun ámbito historicamente masculinizado”, sostén o xurado.
“Con este logro, deu visibilidade ao liderado feminino no mundo económico e contribuíu a crear referentes reais e próximos para outras mulleres empresarias e profesionais”, conclúe o xurado do premio.



