HomeTabeirósA EstradaO BNG da Estrada denuncia a “burla histórica” do PP á veciñanza...

O BNG da Estrada denuncia a “burla histórica” do PP á veciñanza da PO-213: “Prometeron unha reforma integral e ofrecen un remendo”

- Anuncio -spot_img


Xoán Reices sinala a Gonzalo Louzao como “cómplice” do abandono da Estrada: “O hoxe alcalde defendeu as melloras en febreiro de 2024 para agora calar ante as migallas da Xunta”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada amosou hoxe a súa máis profunda indignación ante o que cualifica como un “engano histórico” do Partido Popular aos veciños e veciñas de Aguións e Ponte Ulla. O portavoz municipal, Xoán Reices, denunciou a “falta de escrúpulos” do Goberno galego e a “submisión” do alcalde, Gonzalo Louzao, ante un investimento que non cubre nin o máis mínimo das necesidades de seguridade viaria da PO-213.

Unha cronoloxía de mentiras

O BNG lembra que o 1 de febreiro de 2024, o pleno da Estrada aprobou por unanimidade —incluíndo o voto do PP— unha moción para esixir á Xunta melloras estruturais na PO-213. Esta moción conxunta acordouse cos veciños e veciñas da PO-213 logo da reunión mantida en decembro de 2023 con todos os partidos políticos con representación no concello. Foi o hoxe alcalde Gonzalo Louzao, como presidente da Comisión de Medio Rural, o encargado de detallar no pleno do 1 de febreiro o contido da moción cunha serie de melloras, acordadas cos veciños e veciñas, que incluían a ampliación do ancho da vía e a mellora do trazado para garantir a seguridade.

Esta demanda semellante foi ratificada tamén por unanimidade no Parlamento de Galiza o 26 de setembro de 2024, instando á Xunta a actuar no firme e no trazado. “En novembro vendéronnos un ‘plan ambicioso’, pero a realidade de febreiro deste ano é unha labazada na cara da veciñanza da PO-213, entre Aguións e Ponte Ulla”, afirma Reices.

Orzamento “ridículo” e compartido

A indignación do BNG estala tras coñecer que os 3,6 millóns de euros anunciados pola Xunta non son para a PO-213, senón que deben repartirse tamén entre a PO-841 e a PO-840. “É unha cifra ridícula que non serve para nada máis que para botar unha capa de chapapote e pintar catro liñas”, denuncia o voceiro nacionalista. “Prometeron mellorar o trazado e o ancho, pero o que ofrecen é un remendo para tres viais fundamentais”.

Louzao: de defensor a cómplice

Para Xoán Reices, a figura de Gonzalo Louzao queda “totalmente inhabilitada” pola súa submisión ás siglas do PP fronte aos intereses da Estrada. “O mesmo que hai un ano explicaba a necesidade de mellorar esta estrada, hoxe permite que a Xunta se ría dos estradenses cun orzamento de miseria”, sinala o portavoz do BNG.

O BNG da Estrada esixe que se cumpra o acordado no pleno e no Parlamento: unha reforma integral que garanta a seguridade dos usuarios e non este “simulacro de investimento” que o único que busca é “limpar a cara ao PP antes de que as estradas sigan caendo aos pedazos”.

Publicacións Relacionadas