HomePontevedraO BNG de Vigo reclama cooperación real entre Xunta e Concello para...

O BNG de Vigo reclama cooperación real entre Xunta e Concello para desbloquear a recuperación da ETEA e pide o fin da “batalla de selfies”

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista pide que a sinatura do convenio para a urbanización do PS-1 sexa un “punto e á parte que remate coa lea estéril de egos e logotipos”

Critica que o único feito concreto do Goberno galego nos últimos 16 anos foi a instalación duns aseos públicos

Xabier P. Igrexas: “PP e PSOE non poden seguir ofrecendo promesas incumpridas, infografías e anuncios baleiros mentres o proxecto continúa encallado”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama que Xunta de Galiza e Concello de Vigo poñan fin dunha vez por todas á “batalla estéril de egos, selfies e logotipos” que, ao seu xuízo, leva anos a bloquear a recuperación da ETEA e a posta en marcha do Campus do Mar.

O portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, advertiu de que o intercambio permanente de reproches entre PP e PSOE “non lle serve absolutamente para nada á cidade nin ao barrio de Teis” e só contribúe a prolongar unha “parálise inxustificábel” nun proxecto estratéxico para Vigo e para o conxunto de Galiza.

O voceiro nacionalista lembrou que se trata dun ámbito abandonado polos militares no ano 2002, cun proxecto sectorial aprobado en 2012, e no que máis de 20 anos despois segue sen haber avances reais. “O balance é demoledor: máis de dúas décadas perdidas e ningunha actuación transformadora que faga realidade o Campus do Mar”, sinalou.

No caso da Xunta do Partido Popular, Igrexas subliñou que “o único feito concreto materializado en todo este tempo polo Goberno galego foi a apertura duns aseos públicos”, o  que cualificou como “mostra do desleixo e da falta de ambición política” arredor dunha actuación absolutamente estratéxica.

Segundo explicou o portavoz do BNG, o desenvolvemento da ETEA “xa vai moi tarde”, denunciando que durante 16 anos se perderon oportunidades para converter este ámbito nun verdadeiro polo de investigación, coñecemento e economía azul que permita situar Vigo como capital galega da innovación.

“Encallado en promesas incumpridas”

“PP e PSOE non poden seguir ofrecendo á cidadanía promesas incumpridas, infografías e anuncios baleiros mentres o proxecto continúa encallado”, afirmou Igrexas, incidindo en que a recuperación da ETEA non pode “seguir secuestrada pola propaganda nin polos conflitos partidarios”.

Neste contexto, o BNG demanda cooperación institucional real, compromisos verificábeis e un calendario serio de actuacións. Para Igrexas a sinatura anunciada para a vindeira semana do convenio de colaboración entre Xunta, Concello e Zona Franca para a urbanización do PS-1, debe marcar “un punto de inflexión, un verdadeiro punto e á parte”.

“Pedimos que PP e PSOE deixen de utilizar a ETEA como un photocall para posados e selfies e comecen a dar pasos de verdade para devolver este ámbito á veciñanza de Teis e ao conxunto das viguesas e vigueses”, concluíu.

Publicacións Relacionadas